Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT237A
Certame "Bibliotecas que inspiran".
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Establecer as bases reguladoras do certame "Bibliotecas que inspiran", de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia e convocalo para o 2026.
O certame “Bibliotecas que inspiran” pretende promover e difundir os proxectos e actuacións realizadas nas bibliotecas públicas ou axencias de lectura municipais de Galicia que constitúan unha boa práctica de xestión bibliotecaria, redunden nun mellor servizo á cidadanía, sirvan para promover e dinamizar a lectura e o acceso á cultura e teñan un impacto positivo na comunidade, co obxecto de que poidan servir de inspiración e exemplo a outros centros bibliotecarios.
As entidades locais de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Cultura
Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro
Servizo de Bibliotecas
Edificio Biblioteca de Galicia. Cidade da Cultura. Monte Gaiás
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999773/881999252
Email: servizo.bibliotecas@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
10/07/2026 00:00 - 10/08/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
1. As entidades locais de Galicia deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Seren titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.
b) Teren cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2024, a través do formulario web habilitado para este efecto en www.rbgalicia.xunta.gal
Quedan excluídas do cumprimento deste requisito as bibliotecas públicas ou axencias de lectura que non tivesen actividade en 2024, por teren iniciado a súa actividade ou reactivado os seus servizos con posterioridade, sempre que tivesen comunicado esta circunstancia ao Servizo de Bibliotecas antes da publicación desta convocatoria.
c) Estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e cumprir cos demais requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
d) Cumprir co establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. O órgano instrutor comprobará, de oficio, o cumprimento deste requisito mediante a consulta dos datos de rendición de contas publicados na páxina web do Consello de Contas.
2. As entidades que poden ser beneficiarias poderán presentar a súa solicitude de xeito individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no punto anterior, coas que participen no desenvolvemento de proxectos ou boas prácticas comúns. Neste suposto, todas as entidades solicitantes deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos nesta orde.
En particular, deberán facerse constar expresamente os compromisos asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe do premio que se vai aplicar por cada unha delas, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, no suposto de resultar premiado, lle corresponden á agrupación.
3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Solicitudes
1. As entidades locais de Galicia poderán presentar un máximo de dúas iniciativas postas en marcha polas bibliotecas e axencias de lectura da súa titularidade, sexan de forma individual ou de forma agrupada con outras entidades.
2. Cada proxecto presentarase nunha solicitude separada, dirixida á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo establecido nesta orde.
Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), unha memoria descritiva da iniciativa bibliotecaria, coas seguintes epígrafes:
a) Análise do contexto, definición das necesidades que se pretende atender e obxectivos que se queren conseguir.
b) Descrición pormenorizada do proxecto ou actuación levada a cabo nas súas distintas fases, indicando, se é o caso, as persoas ou entidades que participaron no seu deseño e desenvolvemento.
c) Criterios e procedementos empregados para a medición de resultados e indicadores de avaliación da súa efectividade.
d) Resultados obtidos. Cuantificación dos indicadores e valoración global.
e) Previsións de prolongación e mellora do proxecto, se é o caso.
f) Méritos alegados en todos ou algúns dos aspectos recollidos no artigo 16 desta orde (criterios de valoración).
Os datos do proxecto poderán completarse con fotografías, vídeos, ligazóns a documentación de interese ou con calquera outro material que sirva para contextualizalo.
A memoria deberá presentarse en galego, segundo as normas ortográficas establecidas pola Real Academia Galega e non poderá exceder de 15 páxinas, en tamaño A4.
Non se aceptarán proxectos que non se adecúen ao esquema descrito.
2. No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos, deberán achegar, ademais:
a) Documento en que se acorde a presentación conxunta da solicitude, a autorización á entidade sinalada como representante para presentar a solicitude en nome do resto e a contía do premio que solicita cada un deles.
b) Declaración de datos de cada unha das entidades solicitantes adicionais segundo o anexo II.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Declaración de datos da entidade solicitante adicional (Anexo II)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2026 (DOG nº 127 do 09 de xullo de 2026).
-
Extracto da Orde do 23 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2026 (DOG nº 127 do 09 de xullo de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de Bibliotecas de Galicia.
Aberto todo o ano
Integración na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Aberto todo o ano
Creación de novos servizos de lectura.
Aberto todo o ano
Axudas para o sector editorial galego, relativas aos gastos á produción editorial literaria
Prazo aberto: 15/07/2026 09:00 - 17/08/2026 20:00