Guía de procedementos e servizos

CT211B

Subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 01/04/2026 00:00 - 30/04/2026 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

A concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais culturais de entidades locais de Galicia destinados a actividades de carácter cultural.

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos; as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

As agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación, que será a receptora da asignación económica. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 36 da citada lei.

2. Exclúense desta subvención:

– As deputacións provinciais.

– As entidades que obtiveron subvención nas últimas tres convocatorias deste procedemento non poderán pedila novamente co mesmo obxecto salvo que supoña unha ampliación das actuacións debidamente xustificada no estudo técnico.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Cultura

Servizo de Promoción da Cultura

San Caetano s/n Bloque 3 2º

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544856

Email: servizopromocion.cultura@xunta.gal

https://www.cultura.gal

Dirección Xeral de Cultura
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/04/2026 00:00 - 30/04/2026 23:59

As entidades locais relacionadas no artigo 2 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas, deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. As entidades locais, ao abeiro desta orde, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable, deberá reunir os seguintes requisitos específicos:

A. Requisitos aplicables a todas as entidades locais.

a) Contar cunha programación anual cultural garanta do compromiso coa acción cultural.

b) Ser titular do inmoble en que se pretenden realizar as actuacións.

c) Os locais culturais para os que se solicite a axuda deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano ou prestar un servizo público cultural de carácter continuado, agás no caso de locais cuxo proxecto supoña a súa posta en funcionamento.

d) Ter remitidas as contas do exercicio orzamentario de 2024 ao Consello de Contas de Galicia.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, deberán cumprir con este requisito todos os concellos integrantes.

e) O órgano competente da entidade deberá adoptar un acordo de solicitude de subvención respecto do proxecto que se pretenda executar e no cal se acepten as condicións de financiamento e os requisitos establecidos na orde e na demais normativa aplicable, así como o compromiso de cofinanciamento para a execución prevista.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, todos os concellos integrantes da agrupación ou asociación deberán adoptar o acordo polo cal se solicita a subvención para os equipamentos e/ou as melloras.

B. Requisitos aplicables ás entidades que presenten proxectos de xestión compartida.

Ademais dos requisitos relacionados na epígrafe A deste artigo, as agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades e consorcios locais deberán cumprir as seguintes condicións:

a) A agrupación ou asociación deberá xestionar o servizo de forma conxunta e supoñer un aforro de custos respecto dos que implicaría a prestación individual; no caso de mancomunidades e consorcios locais, deberá acreditarse que as actuacións se prestan de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supoñen actuacións illadas ou independentes.

b) A agrupación ou asociación deberá ter subscrito un convenio de colaboración entre todos os concellos integrantes co obxecto de prestar o servizo mediante a xestión compartida, con vixencia durante todo o período respecto do que se solicita a subvención e ata que transcorra o prazo establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos termos recollidos no artigo 8.1.j).

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e as condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades locais en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de agrupacións ou asociacións de concellos, todos os concellos agrupados ou asociados deberán cumprir os requisitos anteriores polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión desta.

5. A acreditación de que as entidades locais non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos apartados anteriores realizarase mediante declaración responsable, a través do anexo I de solicitude.

Solicitudes

1. Cada entidade local poderá presentar unha única solicitude, ben sexa individual ou a través da xestión compartida, a cal debe corresponderse co proxecto de equipamento dun único local.

Para os efectos, e de acordo co establecido no artigo 2 desta orde, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as achegadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos (mancomunidades e consorcios locais).

No caso de xestión compartida mediante agrupación de concellos, a solicitude presentada pola agrupación corresponderase cun único local por cada un dos concellos agrupados.

Ningún concello poderá figurar simultaneamente en solicitude de xestión individual e compartida. O incumprimento desta medida dará lugar á inadmisión da solicitude individual e considerarase efectiva a solicitude de xestión compartida.

Cando o órgano tramitador observe que unha entidade local participa en máis dunha solicitude a nivel individual ou en máis dunha solicitude a nivel de xestión compartida, poñerao de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo; de non o facer, non se admitirá ningunha das solicitudes presentadas.

2. As solicitudes formuladas por agrupacións de concellos serán obxecto de inadmisión cando non se acredite na solicitude a realización conxunta da actuación para a cal se solicita a subvención. No caso de mancomunidades e consorcios locais, a prestación deberá xestionarse de forma mancomunada ou consorciada. En ningún caso poderá consistir en actuacións independentes dos concellos que as integran.

3. A presentación da solicitude realizarase da forma seguinte:

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I) (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude estará subscrita polo órgano competente do concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación, e as declaracións contidas na solicitude, no caso de agrupación de concellos, realizaranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento, de ser requirido polo órgano tramitador.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, na cal se faga constar:

• O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para os equipamentos e/ou melloras que se pretenden executar e se aceptan as condicións e requisitos establecidos na orde, así como o compromiso de financiar o importe do proxecto que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude. Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

• Remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario 2024. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas solicitudes nas que non se faga constar a data de remisión. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b) No caso de agrupacións ou asociacións de concellos, certificación emitida polo secretario ou secretaria co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a do concello representante, na que se faga constar en base aos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos secretarios e/ou secretarias dos concellos integrantes da agrupación ou asociación:

• Que todos os concellos integrantes da agrupación ou asociación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para os equipamentos e/ou melloras que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde, así como o compromiso de financiar o importe do proxecto que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

• O nomeamento da persoa titular da Alcaldía como representante con poder suficiente para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

• Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello do exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data da sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas sexa anterior á emisión do certificado.

Os acordos relacionados deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte a unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión das solicitudes.

c) No caso de mancomunidades ou consorcios locais, deberán achegar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio local e que participan no proxecto para o que se solicita a subvención.

d) Anexo II cuberto (memoria resumo do proxecto de investimento).

e) Memoria xustificativa do proxecto na que detalle a necesidade das obras ou equipamentos que se pretenden realizar, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local. A memoria deberá:

• Conter a descrición da inversión ou equipamento e unha reportaxe fotográfica do inmoble ou local obxecto de mellora, con imaxes que recollan o estado exterior e/ou interior da infraestrutura para a que se solicita a subvención.

• Ter unha extensión mínima de tres páxinas a dobre cara co seguinte formato: Arial ou Times New Roman, tamaño 12, interliñado sinxelo, aliñación xustificada e marxes de 2 cm.

f) As solicitudes de subvención para obras, deberá achegarse o proxecto ou anteproxecto, asinado polo profesional técnico competente, da obra que se vai realizar co seguinte contido mínimo:

• Memoria explicativa.

• Orzamento detallado coa información suficiente que permita definir e valorar as obras propostas.

• Planos a escala suficiente.

g) No caso de solicitudes de subvención para equipamentos, deberá achegarse a memoria detallada e valorada do equipamento para o cal se solicita a subvención asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local solicitante, que deberá incluír:

• A descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado, indicando as características técnicas e a memoria de calidades, de xeito que permitan definir e valorar os equipamentos propostos.

h) No caso de agrupación ou asociación de concellos, memoria de aforro de custos estimado respecto á realización dos proxectos de forma individualizada.

Esta memoria fará constar nun cadro comparativo:

• A diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante.

• O importe do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a execución individual da actuación produciría para cada un dos concellos.

i) Declaración responsable asinada electronicamente polo representante da entidade na que faga constar que conta cunha programación cultural anual.

Para a agrupación ou asociación de concellos, a declaración responsable deberá achegarse para cada un dos concellos integrantes da agrupación ou asociación.

j) Relación detallada e pormenorizada das actividades culturais levadas a cabo no local para o cal solicita a subvención, nos anos 2024 e 2025, nos termos do artigo 14.D).

Esta memoria non debe presentarse no caso de que se trate da posta en funcionamento do local.

k) Acreditación, mediante certificado do órgano competente asinado electronicamente, da titularidade do local onde se vai a realizar o investimento.

l) Convenio de colaboración ou instrumento xurídico que regule a agrupación ou asociación, co seguinte contido mínimo:

• Concellos que subscriben o convenio e a capacidade xurídica coa que actúa cada unha das partes.

• Obxecto, obxectivos e actuacións que se acorden desenvolver para o cumprimento do proxecto que se vai subvencionar.

• Designación do alcalde ou alcaldesa como representante único que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Cultura, e que recibirá e xustificará a subvención.

• Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación de concellos, que incluirá unha referencia expresa ás porcentaxes e/ou importes do financiamento que achegará cada un dos concellos participantes.

• O compromiso de non disolver a agrupación mentres non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) No caso de agrupación de concellos, anexo IV relativo á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

n) Sen prexuízo de todo o anterior, a entidade solicitante poderá achegar calquera outra documentación que entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude; así mesmo, a unidade tramitadora das subvencións poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que considere pertinente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, de dispoñer del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Atriga).

f) Consulta de concesións ampliada.

g) Consulta de axudas do Estado.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, consultaranse os documentos sinalados de cada un dos concellos integrantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, as persoas interesadas, declararán ter sido informadas da incorporación dos seus datos persoais ao expediente de tramitación, e no caso de opoñerse a esta consulta, deberán indicalo no correspondente formulario habilitado (anexo IV) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 12 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e a mellora das instalacións e dos locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 60 do 31 de marzo de 2026).

    • Extracto da Orde do 12 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 60 do 31 de marzo de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT215A

Subvencións a festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado

Tramitar en liña

Prazo aberto: 18/04/2026 00:00 - 18/05/2026 23:59

CT215C

Subvencións para a participación de galerías de arte en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 15/05/2026 09:00 - 15/06/2026 20:00

CT215D

Subvencións para a participación de persoas creadoras galegas en residencias literarias fóra de Galicia

Tramitar en liña

Prazo aberto: 17/04/2026 00:00 - 18/05/2026 23:59

CT230C

Creación de novos servizos de lectura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano