Guía de procedementos e servizos

CT207K

Axudas para o desenvolvemento do sector dos videoxogos.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 11/12/2024 00:00 - 10/01/2025 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento do sector dos videoxogos na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.

As empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

http://industriasculturais.xunta.gal

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

11/12/2024 00:00 - 10/01/2025 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Poderán optar a estas subvencións as empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos que conten cunha oficina ou sucursal permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, polo menos cun ano previo a esta convocatoria.

2. Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

O órgano xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

3. Non poderán ter a consideración de persoas beneficiarias:

a) Ás empresas ou persoas traballadoras autónomas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

b) As agrupacións de interese económico, as comunidades de bens (CB) e as unións temporais de empresas (UTE).

c) As asociacións e outras figuras sen ánimo de lucro.

d) As administracións públicas, os seus organismos autónomos, as empresas públicas e outros entes públicos.

e) As persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.

4. As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Posuír os dereitos de propiedade intelectual que permitan desenvolver correctamente o proxecto proposto nesta convocatoria, así como as autorizacións ou permisos necesarios para poder crealo e desenvolvelo, para o caso de que o proxecto en cuestión se basee nalgún tipo de dereito intelectual preexistente ou alleo á persoa solicitante.

b) Presentar unha única solicitude por empresa e para un único proxecto.

c) Desenvolver a súa actividade dentro da UE. No suposto de que a persoa a desenvolva fóra, perderá o dereito ao cobramento da axuda e deberá reintegrar as cantidades percibidas.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No anexo II constarán, ademais, as seguintes declaracións responsables que se deberán cubrir en caso afirmativo:

3.1. Que a entidade solicitante é posuidora dos dereitos de propiedade intelectual que lle permiten desenvolver correctamente o proxecto proposto nesta convocatoria, así como as autorizacións ou permisos necesarios para poder crealo e desenvolvelo, para o caso de que o proxecto en cuestión se basee nalgún tipo de dereito intelectual preexistente ou alleo á persoa solicitante.

3.2. Que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 sobre empresas vinculadas.

3.3. Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

3.4. Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3.5. Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación.

3.6. Declaración responsable de ser peme.

O organismo xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas teñen a dita condición.

Documentación complementaria.

1. Deberá achegarse xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:

1.1. Documentación administrativa:

a) Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Copia da documentación acreditativa de que cada proxecto é obra orixinal e de que se posúen os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compras sobre eles.

1.2. Documentación técnica:

A persoa solicitante deberá achegar un dossier (anexo III) relativo ao proxecto, que deberá conter, nun máximo de veinte (20) páxinas, polo menos os seguintes puntos:

a) Descrición do proxecto. A persoa solicitante deberá describir o proxecto en cuestións como concepto, historial de versións, a mecánica do xogo, o estado do xogos, interfases, niveis, guión, progreso, contido (personaxes, habilidades, escenarios...), música, imaxes e calquera outro aspecto que considere relevante para a mellor comprensión do proxecto.

b) Descrición das características técnicas e artísticas do proxecto. Trátase de coñecer o alcance da innovación e novidade do proxecto, polo que a persoa solicitante deberá incluír cuestións como orixinalidade do guión, do concepto e do contido do xogo; optimización; simulación física; técnica de representación gráfica e realización; inmersión e uso do 2D/3D, así como calquera outro aspecto que considere relevante para poñer en valor a contribución do proxecto ao mundo do videoxogo.

c) Ficha técnica do equipo onde se reflicta un breve curriculum por cada unha das persoas que o forman, así como as funcións que asume cada unha delas e o tempo de traballo dedicado ao proxecto.

d) Plan de produción en que se indiquen as distintas fases e prazos do desenvolvemento do proxecto, e, expresamente, o momento en que se considera que se conseguirá o prototipo xogable do videoxogo, así como a data de finalización completa do videoxogo.

e) Orzamento de custos (anexo IV). Son os gastos de desenvolvemento do proxecto, segundo o modelo do citado anexo.

f) Plan de financiamento do proxecto, onde se indicarán, de ser o caso, as distintas fontes de financiamento e un plan de negocio.

g) Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas á Comunidade Autónoma de Galicia.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

– Consulta de ser peme.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 11 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento do sector dos videoxogos na Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2025 (DOG nº 237 do 10 de decembro de 2024).

    • Extracto da Resolución do 11 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento do sector dos videoxogos na Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2025 (DOG nº 237 do 10 de decembro de 2024).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT113A

Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT115A

Doazón de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT116A

Autorización de reprodución de fondos de arquivos para publicación e/ou difusión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano