Guía de procedementos e servizos

CT207G

Axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo aberto: 23/06/2025 00:00 - 01/10/2025 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

A concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027.

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1 e cun centro de traballo ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada nin, pola súa banda, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos polo menos por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que finalizase o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As empresas produtoras que soliciten participar nesta convocatoria determinarán o tipo de actividade que van desenvolver, cuxa denominación virá determinada pola porcentaxe de propiedade industrial que ostenten sobre a produción audiovisual:

a) Coprodución. Entenderase que unha empresa produtora actúa no ámbito da coprodución cando, no momento da solicitude, acredita unha participación na propiedade industrial da produción audiovisual igual ou superior ao 20 %. Esta porcentaxe de participación na propiedade industrial da obra poderá reducirse ao 15 % no caso de coproducións internacionais en que interveñan dous países ou ao 10 % cando na coprodución internacional interveñen tres ou máis países. A persoa solicitante deberá manter a porcentaxe de participación na propiedade industrial durante toda a vixencia da operación.

b) Servizo de produción. Entenderase que unha empresa produtora actúa no ámbito do servizo de produción cando, no momento da solicitude, dispón dun contrato en firme para asumir os servizos de produción obxecto desta convocatoria, non tendo participación na propiedade industrial da produción audiovisual ou sendo esta menor que as porcentaxes descritas na alínea a).

3. A persoa solicitante ou, de ser o caso, a persoa responsable da produción executiva, deberá ter producido ou ter desempeñado a función de responsable da produción executiva nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria un mínimo dunha obra previa que coincida con algunha das condicións que se describen:

– Longametraxe cinematográfica estreada en salas comerciais nacionais cun mínimo de 20.000 espectadores e así conste na base de datos de películas cualificadas do ICAA.

– Serie ou miniserie de ficción para TV ou plataforma de VOD, dun mínimo de 150 minutos de duración, que fosen emitidas nun mínimo de dous países, ademais de en España.

– Longametraxe cinematográfica de ficción en réxime de coprodución internacional e así conste na base de datos de películas cualificadas do ICAA.

4. As persoas solicitantes deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a contida no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño (DOUE-L-2014-81403), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.

5. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

De acordo co artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, nesta convocatoria poderán ser persoas beneficiarias as empresas que non teñan a consideración de empresa en crise no momento da presentación da solicitude, circunstancia que será comprobada por Agadic.

6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, conforme o establecido no anexo II desta convocatoria.

7. Unha mesma persoa solicitante, ou as súas empresas vinculadas, poderán obter subvención por un máximo de dous proxectos ao abeiro desta convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

23/06/2025 00:00 - 01/10/2025 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos sete días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de outubro de 2025.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, requiriráselle, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude (anexo II), constan as seguintes declaracións responsables:

3.1. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

3.2. Declaración responsable de que os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas nesta convocatoria.

3.3. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3.4. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.5. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de deberes por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3.6. Declaración responsable de que coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014, sobre empresas vinculadas, e o establecido nestas bases.

3.7. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda e garantir a súa sostibilidade financeira.

3.8. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

3.9. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano no que se efectúe o último pagamento polo órgano concedente, segundo o establecido no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Este prazo quedará interrompido se se inicia un procedemento xudicial ou o pedimento da Comisión da UE.

3.10. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3.11. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

3.12. Declaración responsable de non consideración de empresa en crise no momento da presentación da solicitude nin estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior. Con todo, a Axencia Galega das Industrias Culturais utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

3.13. Declaración responsable de que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (principio Do not significant harm-DNSH), previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou taxonomía) das actividades económicas ambientais sustentables.

3.14. Declaración responsable de que o proxecto financiado cumpre co establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 relativo aos principios horizontais en materia de igualdade, accesibilidade e dereitos fundamentais.

3.15. Declaración responsable de que o proxecto non se iniciou antes da presentación da solicitude de axuda.

3.16. Declaración de que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA).

3.17. Declaración de que a entidade solicitante, ou de ser o caso, as empresas que integran a entidade xurídica solicitante, cumpren cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.

3.18. Que realizará en Galicia as actividades para as cales solicita a axuda.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:

– Documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Documentación acreditativa de estar comprendida na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, sobre a definición de microempresas, pequenas e mediana empresas (DOUE-L-2014-81403), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual. Para estes efectos, a persoa solicitante deberá achegar as contas anuais presentadas no rexistro mercantil ou o modelo 200 do imposto de sociedades do último exercicio fiscal.

Para o caso de que a persoa solicitante sexa unha AIE, deberá achegarse esta mesma documentación de todas as empresas que a conforman.

A Agadic realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

1.5. Documentación acreditativa de que a persoa solicitante é propietaria dun mínimo do 20 % dos dereitos de propiedade da obra, ou do 15 % ou do 10 % segundo as presentes bases, cando se trate dunha coprodución. A participación da persoa solicitante nos dereitos de propiedade da obra deberá acreditarse no contrato ou contratos subscritos ou, no seu defecto, a porcentaxe de participación calcularase en función dos compromisos económicos adquiridos con respecto ao custo total da produción audiovisual.

1.6. Contrato para realizar os servizos de produción en Galicia da obra, cando se trate dun encargo de produción.

1.7. Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles, no caso de que a entidade solicitante sexa coprodutora da obra.

– Documentación técnica:

1.8. Documentación que acredite o cumprimento do establecido no artigo 2.3 das presentes bases por parte da entidade solicitante ou da persoa responsable da produción executiva en Galicia. En concreto deberase achegar:

1.8.1. Ficha publicada na base de datos de películas cualificadas do ICAA, para o caso das longametraxes cinematográficas de ficción.

1.8.2. Certificado ou informe expedido pola canle de televisión ou plataforma de VOD, para o caso das series de ficción en que se especifique a emisión da obra en dous ou máis países.

1.9. Orzamento estimado de custos do proxecto subvencionable segundo o anexo III da convocatoria, desagregado por capítulos de gasto.

1.10. Cronograma da produción en Galicia en que se relacionen as zonas xeográficas onde se realizará a produción audiovisual e se especifiquen as localizacións galegas, os días de rodaxe que terán lugar en Galicia e a porcentaxe deles con respecto á totalidade da rodaxe da produción audiovisual.

1.11. Plan de financiamento. As persoas solicitantes deberán acreditar que dispoñen dos recursos financeiros suficientes para efectuar os traballos obxecto da subvención:

1.11.1. Para os proxectos en coprodución a persoa solicitante deberá presentar un plan de financiamento da produción audiovisual, con indicación do seu importe total e as diferentes fontes de financiamento para a súa realización. Neste sentido, deberá presentar a documentación que acredite que a produción audiovisual posúe un financiamento mínimo en firme de, polo menos, o 60 % sobre o seu custo total, tales como:

– Resolucións definitivas de concesión doutras axudas públicas compatibles coa presente convocatoria.

– Contratos de vendas e distribución asinados con data posterior ao 30 de xuño de 2024, ou actualización ou addenda destes, no caso de que a sinatura teña unha data anterior.

– Contratos de coprodución ou de cesión de dereitos de emisión con canles de televisión e/ou plataformas de VOD.

– Documentación xustificativa das operacións de desgravacións e/ou incentivos fiscais.

– Outros compromisos de investimento privado que deberán estar acompañados da correspondente orde de transferencia bancaria en favor da persoa solicitante.

1.11.2. Para os proxectos con encargo do servizo de produción a persoa solicitante deberá presentar o contrato subscrito para a execución do proxecto audiovisual, acompañado da versión traducida a algunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma, de ser preciso.

1.12. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada opóñase á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

– Consulta de titulares reais ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa (DOG nº 113 do 16 de xuño de 2025). convocatoria para o ano 2025

    • Extracto da Resolución do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 113 do 16 de xuño de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT113A

Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT115A

Doazón de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT116A

Autorización de reprodución de fondos de arquivos para publicación e/ou difusión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano