Guía de procedementos e servizos

CT207B

Subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 02/08/2024 00:00 - 02/09/2024 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

- A concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos convocadas para o 2024.

- Para efectos das bases, entenderase por desenvolvemento audiovisual o conxunto de accións e tarefas relacionadas coa fase previa á produción, dentro do período subvencionable, de proxectos de longametraxes e series de ficción, animación ou documental.

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que teñan, cando menos, un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

02/08/2024 00:00 - 02/09/2024 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

- Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.

- A persoa solicitante deberá ter, cando menos, un acordo ou precontrato cun director e/ou guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.

- Ademais, a persoa solicitante deberá posuír, cando menos, a opción de compra sobre os dereitos de propiedade intelectual do concepto, tema, tratamento, guión ou biblia dos contidos que se presentan ou os dereitos de adaptación, cando se trate de obras preexistentes. No caso de existir acordos de co desenvolvemento entre empresas produtoras, aceptarase unha repartición equitativa de dereitos entre elas. A posesión dos dereitos deberá ter unha duración mínima suficiente para cubrir todo o cronograma de desenvolvemento do proxecto.

- A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Achegaranse as seguintes declaracións responsables que se recollen no anexo II:

3.1. Que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) ao concorrer, como mínimo, dous dos requisitos que se relacionan:

a) Que teña como versión orixinal calquera das linguas oficiais en España. No caso das coproducións con empresas estranxeiras, a longametraxe poderá ter como versión orixinal algunha das linguas oficiais da Unión Europea.

b) Que o contido estea ambientado principalmente en España.

c) Que o contido teña relación directa coa literatura, a música, a danza, a arquitectura, a pintura, a escultura, e, en xeral, coas expresións da creación artística.

d) Que o guión sexa adaptación dunha obra literaria preexistente.

e) Que o contido teña carácter biográfico ou, en xeral, reflicta feitos ou personaxes de carácter histórico, sen prexuízo das adaptacións libres propias dun guión cinematográfico.

f) Que o contido inclúa principalmente relatos, feitos ou personaxes mitolóxicos ou lendarios que poidan considerarse integrados en calquera patrimonio ou tradición cultural do mundo.

g) Que emita un mellor coñecemento da diversidade cultural, social, relixiosa, étnica, filosófica ou antropolóxica.

h) Que o contido estea relacionado con asuntos ou temáticas que forman parte da realidade social, cultural ou política española, ou con incidencia sobre eles.

i) Que no relato cinematográfico, un dos protagonistas ou varios dos personaxes secundarios estean directamente vinculados con esa mesma realidade social, cultural ou política española.

j) Que se dirixa especificamente a un público infantil ou xuvenil e conteña valores acordes cos principios e fins da educación recollidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou a norma que, de ser o caso, a substitúa, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

3.2. Que a entidade solicitante, ou algún dos autores propostos con que teña asinado un acordo para o desenvolvemento, é titular dos dereitos suficientes de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, e coa presente convocatoria.

3.3. Que a entidade solicitante cumpre cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.

3.4. Que declara as características e condicións do proxecto segundo a ficha recollida no anexo IV destas bases, relativas a autoría vinculada profesionalmente con Galicia, autoría novel, autoría feminina, historial en canto a obras previas producidas da empresa solicitante ou da persoa proposta para a produción executiva, experiencia dos/das autores/as con base en anteriores obras escritas e/ou realizadas, subvención previa da Agadic á escrita de guión e porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable do proxecto presentado.

Para estes efectos, teranse en conta as seguintes consideracións:

– A autoría estará vinculada profesionalmente con Galicia cando as persoas propostas para desempeñar os postos de guionista e/ou director/a poidan acreditar ter desempeñado con anterioridade algunha tarefa nalgunha obra audiovisual de produción galega.

– Os/as autores/as cumprirán coa condición de novel sempre que non exercesen a mesma función que figura na solicitude en ningunha obra anterior que coincida coas modalidades recollidas na presente convocatoria, e non fosen calificadas para a súa estrea comercial (longametraxes cinematográficas) ou emitidas en televisión ou plataformas (series ou longametraxes para televisión).

3.5. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas nesta convocatoria.

3.6. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3.7. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.8. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3.9. Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 sobre empresas vinculadas.

3.10. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, que terá a consideración de obrigatoria para os efectos de admisión de solicitudes:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Documentación acreditativa de que a entidade solicitante ou o/a autor/a con que teña asinado o acordo para as tarefas de desenvolvemento posúe os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

1.5. Acordo asinado co/coa guionista e/ou director/a para a realización das tarefas de desenvolvemento.

Toda a documentación anterior terá a consideración de obrigatoria para os efectos de admisión de solicitudes.

2. As persoas solicitantes deberán presentar un dossier do proxecto en formato de documento único indexado segundo a mesma orde de numeración e nomenclatura, que conteña os seguintes puntos:

2.1. Datos identificativos do proxecto: título, xénero, versión lingüística orixinal da obra, custo de produción estimado. Deberán constar os nomes das persoas responsables da produción executiva, guión e dirección, indicando se están vinculadas profesionalmente con Galicia.

2.2. Descrición das intencións artísticas e creativas por parte do/da autor/a, así como das referencias, aspectos singulares, e outros que se consideren relevantes.

2.3. Descrición dos valores de produción do proxecto, orzamento de produción estimado, viabilidade de financiamento e realización, descrición das audiencias obxectivo, intencións en canto a coprodución e distribución e outros aspectos que se consideren relevantes.

2.4. Estratexia de desenvolvemento, cronograma de realización dos traballos, relación e currículo dos/das profesionais propostos/as para levar a cabo os traballos de desenvolvemento do proxecto.

2.5. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

2.6. Guión ou tratamento secuencial do proxecto cando se trate dunha longamentraxe de ficción ou animación, que deberá ter un mínimo de 10 páxinas. Cando se trate dunha longametraxe documental, poderase entregar un tratamento ou unha escaleta. No caso das series de ficción, animación ou documentais, haberá que achegar, xunto co guión ou o tratamento secuencial do primeiro capítulo, un mapa de tramas. No caso de proxectos que obtivesen subvención á escrita de guión por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, haberá que presentar o guión en lugar do tratamento.

3. Orzamento de gastos de desenvolvemento do proxecto segundo o modelo do anexo III.

4. Ficha do proxecto segundo o modelo do anexo IV.

5. Voluntariamente, poderase achegar unha ligazón a unha presentación do proxecto a cargo do/da autor/a do proxecto.

6. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para unha mellor defensa do proxecto.

Con relación ao punto 2 deste artigo, o órgano instrutor comprobará a presentación do dossier como documento único pero non realizará a comprobación do seu contido. O dossier non poderá ser obxecto de modificación ou mellora ao longo da fase de instrución do procedemento previa á reunión da Comisión de Valoración.

Os documentos presentados en branco non se considerarán defectos emendables, senón que continuarán coa súa tramitación para efectos da instrución do expediente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

9. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

– Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2024 (DOG nº 148 do 1 de agosto de 2024).

    • Extracto da Resolución do 16 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2024 (DOG nº 148 do 1 de agosto de 2024).

    • Resolución do 17 de outubro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 16 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2024 (DOG nº 203 do 21 de outubro de 2024).

    • Resolución do 29 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2024 (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111A

Proposta de avaliación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111B

Proposta de eliminación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano