Guía de procedementos e servizos

CT141A

Premio 'Elías Valiña' ao esforzo revitalizador e promocional dos Camiños de Santiago.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 03/06/2026 00:00 - 02/07/2026 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Que é e para que serve

Concesión do Premio Elías Valiña, para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago como un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos Camiños de Santiago, por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social (código de procedemento CT141A).

Quen pode solicitalo

As asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.

Requisitos

1. Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

2. Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as que foran premiadas nas cinco convocatorias anteriores co Premio Elías Valiña.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: PECHADO

03/06/2026 00:00 - 02/07/2026 23:59

O prazo de presentación de candidaturas será dun(1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Como se tramita

Podes presentar esta solicitude de dous xeitos:

  • Por internet, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Presencialmente, nunha oficina de rexistro ou noutros lugares autorizados.

Se pertences a algún destes grupos, tes que presentar a solicitude electronicamente:

  • Persoas xurídicas.
  • Entidades sen personalidade xurídica.
  • Profesionais que deban estar colexiados para exercer a súa actividade.
  • Empregados públicos, cando realicen un trámite por razón da súa condición de empregado público.
  • Traballadores e traballadoras autónomos.
  • Estudantes universitarios.
  • Persoas que representen a calquera dos grupos anteriores.

Tramitar en liña

A solicitude pódela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña:

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón.

Tramitar presencialmente

Se non estas obrigado a presentar a solicitude electronicamente podes facelo de forma presencial.

Podes presentar a solicitude en:

  • As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia.
  • As oficinas de rexistro doutras administracións públicas, como os concellos.
  • As oficinas de Correos.
  • As embaixadas e os consulados de España no estranxeiro.
  • Outros lugares autorizados na normativa reguladora do procedemento.

As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia pódelas consultar en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se prefires que te atendan a unha hora concreta, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias deste premio poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico dispares, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un deles e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación tecnolóxica existente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ata que remate o procedemento.

2. O defecto na solicitude seralles notificado ás persoas interesadas e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou as omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se darán por desistidas da súa solicitude, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación da persoa que asine a solicitude en nome da entidade.

b) Copia dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

c) Memoria xustificativa do labor realizado neste campo en que se detallarán as actividades ordenadas e sistematizadas conforme os criterios establecidos no artigo 12 destas bases e polo período de cinco anos, co grao de concreción axeitado para facilitar a valoración. A memoria incluirá, como anexo, unha táboa resumo da memoria xustificativa en que se enumeren, baixo as súas correspondentes catro epígrafes: as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio (autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no caso de ser necesario); os traballos de investigación, documentación e fomento do coñecemento do Camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica; as accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo; e as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social; indicando datas, ámbitos territoriais, autoría e, se é o caso, persoas destinatarias e a súa cuantificación.

d) Certificados, informes ou calquera outro documento subscrito por un organismo oficial que avale a candidatura, pola súa importancia e relevancia no ámbito cultural, ou tres entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela que acrediten o desenvolvemento do labor de protección, revitalización e promoción das rutas xacobeas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• NIF (número de identificación fiscal) da entidade solicitante.

• DNI ou NIE (número de identidade de estranxaría) da persoa representante.

• Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día nos pagamentos á Consellería de Facenda e Administración Pública.

• Certificado de estar ao día nos pagamentos á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Cinco meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.

Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.

A resolución pode ser:

  • Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
  • Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).

Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural

Servizo de Protección e Fomento

Edificio Administrativo de S. Caetano.Bloque 3-2º

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544862, 981544749 e 981544817

Fax: 981544870

Email: premioseliasvalina.cultura@xunta.gal ou proteccion.patrimonio.cultural@xunta.gal

https://www.cultura.gal

Órgano responsable

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Orde do 21 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, e se convoca a súa XXVII edición para o ano 2026 (DOG nº 101 do 02 de xuño de 2026). Ligazón á normativa

    • Extracto da Orde do 21 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, e se convoca a súa XXVII edición para o ano 2026 (DOG nº 101 do 02 de xuño de 2026). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT400A

Autorización para intervencións no Patrimonio Cultural

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF500A

Autorización de ocupación de dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia con destino á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano