Guía de procedementos e servizos

BS632J

Concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 06/10/2026 00:00 - 05/11/2026 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Que é e para que serve

Asignación dun concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2026-2030

Quen pode solicitalo

Entidades prestadoras de servizos sociais.

Requisitos

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, RUEPSS).

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

c) Contar coa solvencia económica e financeira, e técnica ou profesional, segundo o establecido na base décima desta convocatoria.

d) Contar coa oportuna autorización administrativa do centro en que se vai prestar o servizo obxecto do concerto, de acordo co disposto no dito Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

e) Acreditar a titularidade do centro en que se vai prestar o servizo obxecto do concerto, ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido, por un período non inferior ao da vixencia deste, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde se atopa o centro e/ou se prestan os servizos.

f) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

g) Contar cunha experiencia mínima dun (1) ano na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto.

h) Contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior a 150.000 euros para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.

Os requisitos das alíneas a), b) e d) serán comprobados de oficio polo órgano competente para a formalización do concerto social, agás que a entidade se opoña ou non autorice a súa consulta.

Non poderán acollerse ao réxime de concerto social as entidades que estean nalgún dos supostos de prohibición para concertar a que se refire o artigo 7 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: PECHADO

06/10/2026 00:00 - 05/11/2026 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.


Como se tramita

Esta solicitude débese presentar por internet a través da sede electrónica. 

Tramitar en liña

A solicitude débela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña: 

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón. 

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Presentarase unha única solicitude por entidade, que incluirá a totalidade das prazas, indicando o centro en que prestarán os servizos.

5. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicional da entidade solicitante da totalidade do contido desta convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa da solvencia económica e financeira de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.

b) Documentación xustificativa da solvencia técnica ou profesional de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.

c) Acreditación da titularidade do centro en que se vai prestar o servizo obxecto do concerto, ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido, por un período non inferior ao da súa vixencia, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde se atopa o centro e/ou se prestan os servizos.

d) Documentación acreditativa da experiencia mínima na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto exixida na base oitava da convocatoria.

No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. Neste caso a entidade presentará unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

e) Póliza dun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior a 150.000 euros para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.

f) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia recollidos na base décimo sétima desta concertación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada e requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de maneira presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Inscrición no RUEPSS da entidade solicitante.

e) Inscrición no RUEPSS do centro cuxas prazas se ofertan.

f) Certificado de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Tres meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.

Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.

A resolución pode ser:

  • Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
  • Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).

Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade

Avenida Fernando de Casas Novoa, 35

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546987

Email: xestion.politicasocial@xunta.gal

Órgano responsable

Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia,(DOG nº 245 do 18 de decembro de 2008). Ligazón á normativa

    • Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.(DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021). Ligazón á normativa

    • Resolución do 25 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de asignación do concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2026-2030, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 189 do 5 de outubro de 2026). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano