Guía de procedementos e servizos

BS632G

Concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con trastorno do espectro autista, discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral adquirido e discapacidade intelectual.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 04/05/2024 00:00 - 03/06/2024 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

Establecer as bases reguladoras do procedemento de asignación do concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con trastorno do espectro autista, discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral adquirido e discapacidade intelectual para o período 2024-2028, e proceder á súa convocatoria, polo procedemento de asignación de concertos.

Para poderen acollerse ao réxime de concerto social as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, RUEPSS).

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

c) Contar coa solvencia económica e financeira, e técnica ou profesional, segundo o establecido na base décima desta convocatoria.

d) Contar coa oportuna autorización administrativa do centro en que se vaian prestar os servizos obxecto de concerto, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

e) Acreditar a titularidade do centro no que se vai prestar o servizo obxecto de concerto ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia deste, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.

f) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lles sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

g) Contar cunha experiencia mínima dun ano na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto.

h) Contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior a 150.000 euros para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.

Os requisitos das alíneas a), b) e d) serán comprobados de oficio polo órgano competente para a formalización do concerto social, agás que a entidade se opoña ou non autorice a súa consulta.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Non poderán acollerse ao réxime de concerto social as entidades que estean nalgún dos supostos de prohibición para concertar a que se refire o artigo 7 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade

Servizo de Contratación e Xestión Económica

Fernando Casas Novoa, nº 35 baixo

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546987

Email: xestion.politicasocial@xunta.gal

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

04/05/2024 00:00 - 03/06/2024 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Presentarase unha única solicitude por entidade, e poderá referirse á un, varios ou a todos os lotes, e incluirá a totalidade de prazas e servizos que integran cada lote, indicando o centro en que prestarán os servizos.

Así mesmo, as entidades non teñen que solicitar as prazas do servizo de transporte adaptado e asistido xa que están directamente vinculadas ao número de prazas asistenciais que se solicitan (a cada praza de atención diúrna solicitada correspóndelle unha praza de transporte).

Tampouco se solicitarán as compensacións pola implantación das medidas especiais de accesibilidade, posto que xa van vinculadas, proporcionalmente, ao servizo de transporte.

Sen prexuízo de anterior, garantirase en cada liquidación o aboamento das compensacións que correspondan ao servizo efectivamente prestado.

4. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicional da entidade solicitante da totalidade do contido desta convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

5. No anexo II constan as seguintes declaracións responsables:

a) Que, de acordo co artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, a entidade non solicitou outras axudas para o financiamento dos servizos ou prestacións obxecto deste concerto.

b) Que a entidade non está incursa en ningunha causa de prohibición para concertar, segundo o disposto na base 8 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que a entidade participante acepta a totalidade das condicións establecidas nesta convocatoria e no prego técnico.

Documentación complementaria.

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Unha relación de todos os documentos que se presentan

b) Documentación xustificativa da solvencia económica e financeira de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.

c) Documentación xustificativa da solvencia técnica ou profesional de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.

d) Acreditación da titularidade do centro no que se vai prestar o servizo obxecto de concerto ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia deste, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.

e) Documentación acreditativa da experiencia mínima na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto exixida na base oitava da convocatoria. No caso de que esta experiencia se derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. Neste caso a entidade presentará unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable sobre a exención do imposto sobre o valor engadido, de ser o caso.

g) A documentación que acredite os criterios de selección e preferencia recollidos na base décimo sétima desta concertación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Inscrición no RUEPSS da entidade solicitante.

d) Inscrición no RUEPSS do centro cuxas prazas se ofertan.

e) Certificado de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245 de 8 de decembro de 2008).

    • Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 24 de abril de 2024 pola que se convoca o procedemento de asignación do concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con trastorno do espectro autista, discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral adquirido e discapacidade intelectual para o período 2024-2028, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 87 do 3 de maio de 2024).

    • Resolución do 13 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se publica a Resolución do 7 de xuño de 2024, pola que se asigna o concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con trastorno do espectro autista, discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral adquirido e discapacidade intelectual para o período 2024-2028 (DOG nº 121 do 24 de xuño de 2024).

    • Resolución do 26 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se publica a resolución pola que se revisan os módulos económicos fixados na Resolución do 24 de abril de 2024 pola que se convoca o procedemento de asignación do concerto social para a reserva e a ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con trastorno do espectro autista, discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral adquirido e discapacidade intelectual para o período 2024-2028, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 239 do 11 de decembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano