Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS632F
Concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Política Social e Igualdade
Establecer as bases reguladoras do concerto social para satisfacer a necesidade administrativa de reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2024-2028, e proceder á súa convocatoria polo procedemento de asignación de concertos.
Persoas dependentes con discapacidade intelectual.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade
Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade
Avda Fernando de Casas Novoa, nº 35
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981542987
Email: xestion.politicasocial@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
19/12/2023 00:00 - 18/01/2024 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
1. Poderán participar na presente convocatoria as entidades que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante RUEPSS).
b) Contar coa oportuna autorización administrativa dos centros en que se vaian prestar os servizos obxecto de concerto, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
c) Acreditar a titularidade do centro en que se vai prestar o servizo obxecto de concerto ou a súa dispoñibilidade, mediante calquera título xurídico válido, por un período non inferior ao da vixencia deste, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.
d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.
e) Acreditar a solvencia económica e financeira e técnica ou profesional e unha experiencia mínima de atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto, segundo se establece no artigo 6 desta convocatoria.
f) Contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior aos 150.000 euros, para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.
g) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto da presente convocatoria.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
2. Non poderán concorrer á presente convocatoria as entidades que se atopen nalgún dos supostos de prohibición para concertar a que se refire o artigo 7 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se considerará que desisten da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Presentarase unha única solicitude por entidade, as ofertas poderán ser pola totalidade das prazas do/dos concello/s a que concorra ou a unha parte delas, e deberán indicar o número de prazas e o centro. Se o número de prazas ofertado da entidade coa maior puntuación é inferior ao total de prazas do concello, as restantes prazas serán atribuídas por orde de prelación de acordo cos criterios de selección.
Para os efectos de preferencia das entidades que, na data de publicación desta convocatoria estean prestando o servizo obxecto do presente concerto mediante outras fórmulas de colaboración ou contratación, deberán ofertar a totalidade das prazas que teñen contratadas. En caso contrario, non se terá en conta o criterio de preferencia e as prazas serán atribuídas atendendo aos criterios de selección recollidos no artigo 13 da presente convocatoria e segundo o indicado no parágrafo anterior.
Así mesmo, as entidades non teñen que solicitar as prazas do servizo de transporte adaptado e asistido, xa que están directamente vinculadas ao número de prazas asistenciais que se solicitan (a cada praza asistencial solicitada correspóndelle unha praza de transporte).
Tampouco se solicitarán as compensacións pola implantación das medidas especiais de accesibilidade posto que xa van vinculadas proporcionalmente ao servizo de transporte.
Sen prexuízo do anterior, garantirase en cada liquidación o aboamento das compensacións que correspondan ao servizo efectivamente prestado.
4. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da entidade solicitante da totalidade do contido desta convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.
5. No anexo II constan as seguintes declaracións responsables:
a) Que, de acordo co artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, a entidade non solicitou outras axudas para o financiamento dos servizos ou prestacións obxecto deste concerto.
b) Que a entidade ten contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior aos 150.000 euros, para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.
c) Que a entidade dispón da experiencia mínima, segundo se establece no artigo 6.3 da convocatoria.
d) Que a entidade non está incursa en ningunha causa de prohibición para concertar, segundo o disposto no artigo 7.1 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
f) Que a entidade participante acepta a totalidade das condicións establecidas nesta convocatoria e no prego técnico.
Documentación complementaria.
1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa da solvencia económica e financeira de acordo cos medios establecidos no artigo 6.1 desta convocatoria, se é o caso.
b) Documentación xustificativa da solvencia técnica ou profesional de acordo cos medios establecidos no artigo 6.2 desta convocatoria, se é o caso.
c) No caso de que a entidade solicitante non sexa a titular do centro en que se vai prestar o servizo obxecto de concerto, xustificante sobre a súa dispoñibilidade, mediante calquera título xurídico válido, por un período non inferior ao da súa vixencia, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.
d) Declaración responsable sobre as medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou documentación xustificativa da posesión da Marca galega de excelencia en igualdade (ou equivalente) ou do Certificado de empresa familiarmente responsable (ou calquera outro certificado ou acreditación adecuado para estes efectos) en relación co previsto no artigo 13.3.c) desta convocatoria, segundo o caso.
e) Declaración responsable sobre a exención do imposto sobre o valor engadido, de ser o caso.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Inscrición no RUEPSS da entidade solicitante.
d) Inscrición no RUEPSS do centro cuxas prazas se ofertan.
e) Titularidade do centro no RUEPSS
f) Certificado de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245 do 18 de decembro de 2008).
-
Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021).
-
Orde do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2024-2028, e se procede á súa convocatoria mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 238 do 18 de decembro de 2023).
-
Resolución do 12 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se publica a Resolución do 27 de xaneiro de 2024 pola que se asigna o concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención diúrna e de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2024-2028 (DOG nº 39 do 23 de febreiro de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano