Guía de procedementos e servizos

BS614B

Programa Respiro Familiar.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 05/02/2020 00:00 - 30/09/2020 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Respiro de persoas coidadoras para o exercicio 2020 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

2. Así pois, para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores, o obxecto desta orde defínese a través das seguintes modalidades do citado programa:

a) Modalidade de Respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade.

b) Modalidade de Respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar estadias temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Modalidade Respiro no fogar.

1.1. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, prestarase unha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertar ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo que deberá ser prestado por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa solicitante, cubrirá os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa en ausencia dos coidadores e poderanse prestar as seguintes tarefas:

a) Compañía activa: manter conversación, lectura e apoio.

b) Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.

e) Administrar medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestar coidados mínimos a enfermos crónicos.

f) Acompañamento a actividades culturais e de lecer.

g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.

Cando nun domicilio se atenda máis dunha persoa usuaria, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.

1.2. Horario e duración do servizo.

Con carácter xeral, concederase un máximo de 72 horas por persoa beneficiaria para cada ano natural. Estas horas poderán distribuírse de luns a domingo.

1.3. Contía da axuda.

1.3.1. A axuda consiste nunha achega para contribuír ao pagamento do importe dos citados servizos a domicilio, cuxa contía estará determinada en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: 14 €/hora.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 euros: 7 €/hora.

1.3.2. A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 15.

2. Modalidade de Respiro en residencia.

2.1. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade establece a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A modalidade de atención residencial incluirá os seguintes servizos:

a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas beneficiarias. No caso de que unha persoa beneficiaria desexe ocupar unha habitación individual, estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.

b) Menú axeitado baixo supervisión médica.

c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido, comida...).

d) Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que a persoas usuarias teñan prescrito polos seus especialistas, se for o caso).

2.2. Duración do servizo.

En función da súa duración, as estadías no centro residencial elixido poderán ser de dous tipos:

a) Estadías de ata un máximo de 15 días.

A estadía terá unha duración máxima de 15 días (14 noites) por persoa beneficiaria para cada ano natural e poderase prorrogar unicamente en circunstancias excepcionais ou cando a persoa con dependencia teña recoñecida a libranza de coidados no contorno familiar do SADD; neste caso contará cun máximo de 45 días, ao ano, sempre que non dispoña xa da compatibilidade con outro recurso (segundo o establecido no artigo 64.5, alíneas b), c) e d) da Orde do 2 de xaneiro de 2012).

b) Estadías de fin de semana.

Trátase de estadías dun fin de semana completo, considerando como tal a entrada o venres a partir das 19.00 horas e a saída o domingo antes das 19.00 horas.

Establécese, como excepción, a posibilidade da estadía en día festivo (un como máximo), que poderá cadrar ou non unido ao fin de semana. O horario de entrada é o sinalado no parágrafo anterior e computarase como unha estadía dun día completo.

Coa finalidade de posibilitar o acceso ao programa ao maior número de solicitantes posible, unicamente se poderá conceder ao mesmo beneficiario un máximo de dous fins de semana para cada ano natural.

2.3. Contía da axuda.

A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento da estadía coa porcentaxe do custo que se establece a seguir en función dos ingresos económicos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: subvención do 70 % do custo do servizo.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: subvención do 50 % do custo do servizo.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: subvención do 25 % do custo do servizo.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 euros: subvención do 10 % do custo do servizo.

O importe da axuda económica ou custo do servizo calcularase sobre un prezo máximo da estadía.

O prezo máximo da estadía será de 80,00 €/día (IVE incluído) para estadías quincenais ou de duración inferior e de 90,00 €/día (IVE incluído) para estadías de fin de semana ou de días festivos.

Serán as persoas solicitantes as que aboen o importe total da estadía.

2.4. Requisitos dos centros que prestan os servizos.

O centros residenciais elixidos polos beneficiarios do programa deberán de estar autorizados pola Consellería de Política Social para a atención de persoas en situación de dependencia para poderen prestar o programa de Respiro Familiar.

Para tal fin, desde as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social informarase os centros residenciais con prazas privadas que reúnan os requisitos anteriores das condicións que se establecen para este programa, para os efectos da elaboración dunha listaxe de centros habilitados para a prestación do servizo que será publicada na páxina web da Consellería de Política Social.

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha persoa con necesidades especiais de atención persoal.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade

Servizo de Programas para a Discapacidade

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544640

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Prazo de presentación: PECHADO

05/02/2020 00:00 - 30/09/2020 23:59

Reanúdase o prazo de presentación de solicitudes dende o 01-06-2020 ata o 30-09-2020 en virtude do disposto no artigo 9 do Real Decreto 537/2020, de 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm.145 de 23 de maio de 2020)

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que ben o coidador ou ben a persoa que atende, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa a que se coida presente calquera das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente; grao II ou III.

3º. Que a persoa a que se coida presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

c) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do último exercicio.

Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar xunto co anexo I (solicitude), se procede, a seguinte documentación:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos do dependente, cónxuxe, parella e outros membros da unidade familiar.

b) Informe social (segundo o modelo do anexo III ) ou no modelo unificado (ISU) relativo á persoa dependente, só naqueles casos que non exista recoñecemento de grao dependencia ou que variasen as circunstancias desde a valoración da dependencia.

c) Informe médico relativo á persoa dependente segundo o modelo do Sergas, só naqueles casos en que non exista recoñecemento do grao dependencia

d) Copia do pasaporte, se procede, do coidador e da persoa dependente.

e) Xustificación documental da situación de respiro do coidador.

f) Certificado das pensións non outorgadas, se for o caso, polo Instituto Nacional da Seguridade Social, nin pola Xunta de Galicia, do cónxuxe, parella ou outros membros computables da unidade familiar.

g) Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente se non fose expedido pola Xunta de Galicia.

h) Copia do libro de familia completo ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nesta orde. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que se está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que a persoa solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio de expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento poderán consultarse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante, da persoa dependente, do cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, da persoa dependente, do cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

c) Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente expedido pola Xunta de Galicia.

d) Declaración do IRPF da persoa solicitante, do cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período en que se presente a solicitude, así como o certificado das pensións outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social ou pola Xunta de Galicia.

No caso de non estar obrigada a presentar a declaración do IRPF algunha das persoas anteriormente citada, consultarase o nivel de renda correspondente ao último exercicio, segundo os datos que constan na Axencia Estatal Tributaria (AET).

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e, de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos datos ou documentos elaborados polas administracións públicas, deberán facer constar a súa oposición expresa no recadro habilitado para o efecto no anexo I e no anexo II, de ser o caso, e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro Familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS614B) (DOG nº 23 do 4 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS614B) (DOG nº 23 do 4 de febreiro de 2020).

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS604A

Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS605A

Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS611B

Expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade (nova tarxeta)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano