Guía de procedementos e servizos

BS508D

Premios Galicia de acción voluntaria

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 16/05/2026 00:00 - 15/06/2026 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

A concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que de xeito cotián desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os Premios Galicia de Acción Voluntaria que se convocan terán as seguintes modalidades:

a) Premio á persoa voluntaria do ano na modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio á entidade de acción voluntaria do ano na modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria, que corresponderá a aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa comunidade autónoma.

Premios

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade.

1. Serán persoas destinatarias dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, na modalidade individual ao premio persoa voluntaria do ano, aquelas persoas físicas voluntarias que desenvolvan a súa actividade e colaboren con entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria, públicas ou privadas, que se distinguisen polo seu sobresaínte labor na promoción e na xestión do voluntariado social na nosa comunidade autónoma.

2. Serán persoas destinatarias dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, na modalidade colectiva ao premio entidade de acción voluntaria do ano, as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, que, de xeito continuado e eficaz, desenvolvan actividades e/ou programas sociais ou de interese xeral que impliquen un compromiso social e comunitario a través de proxectos consolidados e normalizados no tempo e nos cales a acción voluntaria e as persoas voluntarias asuman un especial protagonismo.

3. Os Premios Galicia de Acción Voluntaria na modalidade de mellor proxecto de acción voluntaria corresponderá a aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa comunidade autónoma.

4. As persoas destinatarias, tanto físicas como xurídicas, deberán contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio á que concorra. Para estes efectos, os méritos que motivan a solicitude deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

5. Todos os requisitos exixidos ás persoas físicas e xurídicas interesadas deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Servizo de Voluntariado e Participación

San Lázaro s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 957 915

Email: voluntariado@xunta.gal

http://voluntariadogalego.org

Dirección Xeral de Xuventude
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

16/05/2026 00:00 - 15/06/2026 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento BS508D) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas que participen nas modalidades recollidas no artigo 2.2.b) e c).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuaria/o clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar co impreso de solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria individualizada descritiva do proxecto ou traxectoria que se presenta para optar ao premio, na modalidade de que se trate, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes e valiosos e que conteña expresa mención dos méritos en que se fundamente a solicitude (anexo II). No caso de achegar memoria complementaria da memoria descritiva, esta terá unha extensión máxima de 10 páxinas.

b) Documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas, certificados ou outros documentos.

c) Relación temporal de actividades realizadas e interese social do contido destas.

d) Outra documentación que a persoa interesada considere relevante, tal como apoios á candidatura, tanto de persoas físicas como xurídicas.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

3. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén se poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante, no caso de solicitudes do artigo 2.2.a).

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante, no caso de solicitudes do artigo 2.2.b) e c).

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de maio de 2026 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 89 do 15 de maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 4 de maio de 2026 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 89 do 15 de maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano