Guía de procedementos e servizos

BS508B

Subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 04/02/2020 00:00 - 03/03/2020 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (procedemento BS508B).

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades de carácter privado sen ánimo de lucro, sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia nalgunha das seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:

1º. Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.

2º. Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.

3º. Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: local, comarcal, etc.

b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:

1º. Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.

2º. Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2020, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención previstas na Estratexia de acción voluntaria 2016-2018.

Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades de acción voluntaria privadas que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estaren sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

h) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Servizo de Voluntariado e Participación

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957916

Fax: 981957110

Dirección Xeral de Xuventude
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

04/02/2020 00:00 - 03/03/2020 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbere día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Para poderen ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades privadas non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

Solicitudes de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento BS508B), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades de acción voluntaria interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto e do número de días que participará cada unha delas, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 3 de xaneiro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 22 de 3 de febreiro de 2020)

    • Extracto da Orde do 3 de xaneiro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 22 de 3 febreiro de 2020).

    • Resolución do 22 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 21 de xullo de 2020 de concesión das subvencións ao abeiro da Orde do 3 de xaneiro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG núm. 153 do 31 de xullo de 2020).

    • Resolución do 16 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publican os requirimentos de emenda da documentación das xustificacións presentadas ao abeiro da Orde do 3 de xaneiro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG núm. 260 do 29 de decembro de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano