Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS427A
Certificado familia monoparental
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
Habilitar o procedemento administrativo de prazo aberto das solicitudes do certificado de familia monoparental para a súa presentación por medios electrónicos na Comunidade Autónoma de Galicia e aprobar e dar publicidade ao modelo de presentación de solicitudes para o recoñecemento da condición de familia monoparental.
Familias monoparentais
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995437
Prazo de presentación: Aberto todo o ano
As solicitudes poderanse presentar desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de cada ano.
1. Os núcleos familiares compostos por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas ao seu cargo terán a consideración de familia monoparental nos seguintes supostos:
a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.
b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.
c) As familias formadas por un pai ou unha nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.
2. Equipáranse aos/ás fillos/as:
a) As persoas unidas ao único proxenitor ou proxenitora por razón de tutela ou acollemento.
b) O concibido ou a concibida, sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obtivese maior beneficio».
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:
a) Anexo II, de comprobación de datos de terceiras persoas, debidamente cuberto e asinado por todos os demais membros que compoñen a familia monoparental.
b) Copia do/s libro/s de familia en que consten todas as persoas ou certificación de nacemento do rexistro civil de cada un dos/das fillos/as que forman parte da unidade familiar, no caso de tratarse da primeira solicitude.
c) Informe médico asinado por unha persoa colexiada na Comunidade Autónoma de Galicia, que acredite que se iniciou a semana 21 de embarazo na data de presentación da solicitude, data previsible do parto e número de fetos, agás que se trate de xestantes que sigan o embarazo no Sistema público galego de saúde (Servizo Galego de Saúde-Sergas), só cando proceda.
d) Xustificante de estar estudando no momento da solicitude, no caso de fillos ou fillas maiores de 21 anos, ata os 25 anos.
e) Copia do certificado de defunción do/da outro/a proxenitor/a, de ser o caso e no caso de tratarse da primeira solicitude.
f) Copia do certificado de discapacidade ou solicitude de revisión de grao dos/das fillos/as, cando proceda e só no caso de que fose emitido por outra Comunidade Autónoma.
g) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza medidas paterno-filiais dos fillos/as comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, cando proceda, ou calquera outro medio válido en dereito que permita acreditar as ditas medidas, no caso de tratarse da primeira solicitude.
h) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a tutela, adopción ou o acollemento familiar da/das persoa/as menor/es, de ser o caso, cando se trate de procedementos formalizados fóra da Comunidade Autónoma.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Se a documentación achegada está incompleta, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, e arquivaranse as actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 outubro.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e do/dass fillos/as.
b) Certificado de datos de convivencia actual.
c) Certificado negativo de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia dos/das fillos/as.
b) Resolución xudicial ou administrativa que declare a tutela, a adopción ou o acollemento do/dos menores, de ser o caso, cando se trate de procedementos formalizados dentro da Comunidade Autónoma.
c) Acreditación de atoparse na semana 21 ou posterior de xestación, no suposto de seguimento do embarazo polo Servizo Galego de Saúde.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I e anexo II) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. As consultas previstas nos números anteriores deste artigo poderán realizarse coa periodicidade que se determine durante o período de vixencia do certificado, para os efectos de comprobar que as circunstancias persoais que deron lugar ao dito certificado seguen a estar vixentes.
Trámites administrativos posteriores
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta Cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de solicitude
- Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (Anexo II)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Positivo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia (DOG nº 134 do 13 de xullo de 2011).
-
Orde do 5 de xaneiro de 2026 pola que se establece e se habilita na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento de solicitude do certificado de familia monoparental (DOG nº 08 do 14 de xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Novo ingreso en escolas infantís 0-3.
Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59
Programa de axudas a través da tarxeta Benvida.
Prazo aberto: 06/02/2026 00:00 - 31/03/2027 23:59
Novo ingreso en escolas infantís 0-3 do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59
Título de familia numerosa / Carné familiar.
Aberto todo o ano