Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS420C
Axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Política Social e Igualdade
Convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025.
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Igualdade, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 da súa titularidade ou da súa xestión e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e as nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e están empadroados nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación
Servizo de Conciliación Familiar
Edificio Administrativo San Caetano. Edificio a Pirámide
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995389
Fax: 981544634
Email: demografiaeconciliacion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
04/07/2024 00:00 - 02/12/2024 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, con data límite de 30 de novembro de 2024, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará en todo caso o 30 de novembro de 2024.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documento público acreditativo de poder cumprido da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante.
As entidades beneficiarias da axuda ao abeiro da Orde do 19 de maio de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e das nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C), só terán que presentar a documentación complementaria prevista neste número no suposto de terse producido variacións respecto da presentada na dita convocatoria.
b) A relación nominal dos/das nenos/as matriculados/as na escola infantil 0-3. As entidades solicitantes da axuda deberán cubrir a dita relación na aplicación informática Escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb, con data límite do prazo de finalización de presentación de solicitudes, e debe constar actualizada en todo momento coas altas e coas baixas do alumnado que se produzan.
2. Ademais, no punto correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:
a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.
b) Que a escola infantil indicada dispón de proxecto educativo e proposta pedagóxica, de acordo co currículo de educación infantil de Galicia, e que se encontra á disposición da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade para calquera comprobación que sexa precisa.
c) Que dispón da documentación acreditativa do cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación dos nenos e das nenas que asisten á escola infantil e do requisito de residencia en Galicia respecto dos que acceden á bonificación.
d) Que a entidade solicitante titular ou xestora da escola infantil está aplicando as tarifas de prezos que constan no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
e) Que asume a contía da bonificación no que exceda o importe da subvención outorgada pola Administración autonómica nos supostos en que esta non acade o 100 % do custo da praza por atención educativa.
f) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.
g) Que non se está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
h) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
i) Que se está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
j) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, e as administracións públicas deberanos obter electronicamente a través das súas redes corporativas ou dunha consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa solicitante.
c) DNI/ NIE da persoa representante.
d) Resolución de inhabilitación para obter subvencións ou axudas inscrita na Base de datos nacional de subvencións.
e) Resolución de concesións de subvencións e axudas inscrita na Base de datos nacional de subvencións.
f) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) ou, de ser o caso, no anexo II, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento da subvención (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 26 de xuño de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e das nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2024/25, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 128 do 3 de xullo de 2024).
-
Orde do 26 de xuño de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e das nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2024/25, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 128 do 3 de xullo de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Título de familia numerosa / Carné familiar.
Aberto todo o ano
Inscrición no Rexistro de Mediadores e Mediadoras Familiares de Galicia.
Aberto todo o ano
Mediación e designación de Mediadores ou Mediadoras Familiares.
Aberto todo o ano
Consentimento de mediación e designación de Mediadores ou Mediadoras Familiares para solicitudes individuais.
Aberto todo o ano