Guía de procedementos e servizos

BS214F

Participación na convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do Programa de Adopcións Especiais

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 03/09/2026 00:00 - 02/10/2026 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

Promover a adopción de nenos, nenas e adolescentes tutelados/as pola Xunta de Galicia que polas súas características teñen máis dificultade para exercer o seu dereito a vivir en familia.

Os obxectivos específicos que se pretenden acadar son:

  • Dar a coñecer e sensibilizar a sociedade acerca dos nenos que necesitan unha familia adoptiva.

  • Formar ás persoas dispostas a adoptar nenos, nenas ou adolescentes con dificultades especiais.

  • Apoiar ás familias e ás persoas menores no proceso de integración adoptiva para fortalecer e consolidar o vínculo familiar.

Entidades que presten servizos sociais.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Servizo de Protección de Menores

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 544 630

Email: proteccionmenores@xunta.gal

https://www.xunta.gal/politica-social

Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

03/09/2026 00:00 - 02/10/2026 23:59

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.


Para poderen acollerse ao réxime de concerto social, as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar coa solvencia suficiente segundo os seguintes indicadores:

b.1) Solvencia económica e financeira. Acreditarase mediante un dos seguintes medios:

b.1.1) Volume anual de negocios, referido aos tres últimos exercicios concluídos dispoñibles en función da data de creación ou inicio das actividades da entidade. Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite que ten un volume de negocios no ámbito da atención á infancia e á adolescencia, referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos, por un importe igual ou superior a 35.000,00 euros.

b.1.2) Un seguro de indemnización de responsabilidade civil, vixente ata a fin do prazo de presentación de ofertas, por un importe igual ou superior aos seguintes valores anuais: 35.000,00 euros.

A súa acreditación efectuarase por medio de:

1. Unha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador na que se exprese o importe asegurado e a súa vixencia, que deberá ser igual ou superior aos valores anuais indicados.

2. Unha vez que se adxudique o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de presentar, de ser requirida, un certificado expedido pola aseguradora, no que consten os importes e riscos asegurados e a data de vencemento do seguro, así como un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

b.2) Solvencia técnica e profesional:

Reputarase solvente a entidade concertante que acredite polo menos un dos seguintes requisitos:

– Ter un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, que se prestasen a algunha Administración pública ou entidade privada (contabilizados ata a fin do prazo de presentación de proposicións), cuxos importes acumulados no ano de maior execución sexan iguais ou superiores a 35.000,00 euros.

A súa acreditación efectuarase por medio dunha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador na que figuren os principais servizos e traballos realizados de natureza análoga ao obxecto deste concerto nos últimos tres anos, que se computarán ata a data de fin do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria, que inclúa importes, datas e destinatarios públicos ou privados.

Logo de que se adxudique o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar, de ser requirida:

Se o destinatario fose unha entidade do sector público, unha copia da certificación de boa execución expedida ou visada polo órgano competente. No caso de que o destinatario fose a Xunta de Galicia, os servizos comprobaranse de oficio.

Se o destinatario fose un suxeito privado, unha copia da certificación de boa execución expedida por este ou, a falta de certificación, unha declaración responsable da entidade na que expoña que realizou o traballo ou servizo a satisfacción daquel, acompañada dos documentos obrantes no seu poder que acrediten que se realizou a prestación.

– Polo menos unha das persoas que forme parte do equipo técnico ten que contar, en postos de características asimilables, cunha experiencia mínima de dous anos, dentro dos últimos tres, nalgunha empresa ou entidade que, pola súa vez, prestase servizos para unha Administración pública ou entidade privada, sempre que tanto o servizo prestado como as tarefas desempeñadas polo persoal teñan natureza análoga ao obxecto do concerto.

c) Contar cunha experiencia mínima de atención á infancia e á adolescencia de dous anos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

e) Estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Contar cun seguro de responsabilidade civil.

g) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

Solicitudes

As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento BS214F).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada, por parte da persoa solicitante, da totalidade do contido da convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración responsable ou certificación que acredite que a entidade conta coa solvencia económica e financeira e técnica e profesional segundo se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento.

b) Documentación que acredite que a entidade conta cunha experiencia mínima de dous anos na atención á infancia e á adolescencia, como se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento. No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. A entidade presentará, de ser o caso, unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

c) Relación do persoal adscrito ao servizo segundo o anexo V da resolución da convocatoria. O persoal poderase contratar ou asignar a este programa tras a adxudicación do concerto. Neste caso indicarase neste momento «pendente de contratación». No caso de que se manteñan o persoal subrogado, indicarase o número de orde que figure na táboa de subrogación que figura no anexo VII.

d) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia (cláusula O) da resolución da convocatoria:

d.1) Proxecto técnico, diferenciado nos seguintes apartados:

– Accións de sensibilización, difusión e captación do Programa.

– Proxecto formativo.

– Proxecto de intervención coas familias e NNA.

– Plan de formación continua do persoal.

– Sistema de avaliación.

d.2) Descrición das instalacións nas que se levará a cabo o servizo. Para cada unha das instalacións ofertadas achegaranse as informacións e os documentos seguintes:

– Grao de conservación, calidade e confortabilidade dos espazos e equipamentos, incluída a accesibilidade (teranse en conta informes técnicos, fotografías...).

– Dimensións, distribución e grao de adecuación dos espazos, así como o grao de adecuación dos equipamentos ás actividades que se vaian realizar.

d.3) Documentación que acredite a posesión da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, do Certificado de Empresa Familiarmente Responsable e/ou do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), ou documentos equivalentes.

d.4) Documentación que acredite a continuidade na atención prestada e implantación do Programa de adopcións especiais de Galicia.

d.5) Documentación que acredite a experiencia da entidade no ámbito da protección á infancia e adolescencia. En caso de que a experiencia da entidade se refira a programas efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, será suficiente cubrir a declaración responsable recollida no anexo II e indicar os programas correspondentes, que comprobará de oficio a Comisión de Valoración.

e) Certificado de estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se mencionan no apartado K.3 desta resolución do concerto (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

f) Documentación acreditativa da titularidade das instalacións nas que se levará a cabo o servizo ou da súa dispoñibilidade, mediante calquera título xurídico válido, durante un período non inferior ao da vixencia do concerto, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do inmoble onde se prestan os servizos.

g) Certificado de estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presenta de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Comprobación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

e) Comprobación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Anos que a entidade, de ser o caso, leva desenvolvendo servizos relacionados coa protección á infancia e á adolescencia, cando fosen financiados pola Consellería de Política Social e Igualdade.

g) DNI/NIE da persoa empregada.

h) Inexistencia de antecedentes penais do persoal que se designe para a prestación do servizo.

i) Inexistencia de antecedentes penais por delitos de natureza sexual e de trata de seres humanos do persoal que se designe para a prestación do servizo.

j) Títulos oficiais universitarios, de ser o caso, do persoal que se designe para o servizo, segundo o establecido no prego de prescricións técnicas.

2. No caso de que a entidade interesada se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras presentar a solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se modifica o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia. (DOG nº 222 do 14 de novembro de 2003).

    • Corrección de erros.-Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se modifica o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia. (DOG nº 235 do 3 de decembro de 2003).

    • Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia (DOG nº 124 do 29 de xuño de 2006).

    • Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245 do 18 de decembro de 2008).

    • Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia (DOG nº 134, do 13 de xullo de 2011).

    • Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección de Servizos Sociais de Galicia (DOG nº 14 do 20 de xaneiro de 2012).

    • Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 18 de agosto de 2026 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do Programa de adopcións especiais (DOG nº 166 do 2 de setembro de 2026).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto do 24 de xullo de 1889 polo que se publica o Código Civil (BOE nº 206 do 25 de xullo de 1889).

    • Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro,de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de Axuizamento Civil (BOE nº 15 do 17 de xaneiro de 1996).

    • Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional (BOE nº 312, do 29 de decembro de 2007).

    • Lei Orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 175 do 23 de xullo de 2015).

    • Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 180 do 29 de xullo de 2015).

    • Corrección de erros da Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 285 do 28 de novembro de 2015).

    • Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (BOE nº 134 do 5 de xuño de 2021).

  • Ámbito Europeo
    • Convenio Europeo en materia de adopción de menores, feito en Estrasburgo o 27 de novembro de 2008 (BOE nº 167, do 13 de xullo de 2011)

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano