Guía de procedementos e servizos

BS213Z

Concerto social para a execución de programas de acollemento residencial e de atención de día integral en unidades de convivencia, dirixidos a nenos, nenas e adolescentes con medida de protección

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 26/08/2026 00:00 - 25/09/2026 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

O obxecto do presente concerto é a execución de programas de acollemento residencial e de atención de día integral en unidades de convivencia, dirixidos a nenos, nenas e adolescentes con medida de protección, cofinanciado co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza, de acordo coas prescricións recollidas no prego técnico e durante os anos 2026 a 2030 e con posibilidade de prórrogas ata o 30/04/2034. En concreto, ofértanse 144 prazas a persoas usuarias con estas características.

O acollemento residencial en unidades de convivencia ten como finalidade o exercicio da garda dun NNA a través da súa estancia nun centro coa finalidade de garantir a adecuada atención no conxunto das súas necesidades básicas (físicas, afectivas, de seguridade, emocionais, educativas e sociais), potenciando experiencias de aprendizaxe e o acceso aos recursos sociais nas mesmas condicións que calquera outra persoa da súa idade.

De acordo co disposto no artigo 37 da lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, poderán ser tamén persoas beneficiarias do programa de acollemento residencial, as persoas maiores de idade cando fosen obxecto dunha medida de protección antes de acadar a condición referida e nos supostos expresamente previsto no ordenamento xurídico.

Tamén poderán ser persoas destinatarias do programa de acollemento residencial as persoas que cumpran unha medida de convivencia con familia ou grupo educativo, imposta ao abeiro da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

Este concerto social permitirá a participación, en libre concorrencia pública, de entidades titulares de centros de menores ou en disposición de achegar este tipo de recurso no suposto de resultar adxudicatarias.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Edf. Admtvo. San Caetano, s/nº

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 544 630

Email: proteccionmenores@xunta.gal

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

26/08/2026 00:00 - 25/09/2026 23:59

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.


Para poderen acollerse ao réxime de concerto social, as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar coa solvencia suficiente segundo os seguintes indicadores:

b.1) Solvencia económica e financeira. Acreditarase por un dos seguintes medios:

b.1.1) Volume anual de negocios, referido aos tres últimos exercicios concluídos dispoñibles en función da data de creación ou inicio das actividades da entidade. Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite ter un volume de negocios no ámbito da atención á infancia e á adolescencia, referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos, por un importe igual ou superior a 300.000 euros.

O volume anual de negocios da entidade acreditarase por medio de copia das súas contas anuais aprobadas e depositadas no Rexistro Mercantil, se a entidade está inscrita no dito rexistro. En caso contrario, polas depositadas no Rexistro oficial en que deba estar inscrita. Os empresarios individuais non inscritos no Rexistro Mercantil acreditarán o seu volume anual de negocios mediante copia dos seus libros de inventarios e contas anuais legalizados polo Rexistro Mercantil.

b.1.2) Un seguro de indemnización de responsabilidade civil, vixente ata a fin do prazo de presentación de ofertas, por un importe igual ou superior aos 300.000 euros anuais.

A súa acreditación efectuarase por medio:

1. Dunha declaración responsable, asinada polo representante legal do licitador, na cal se exprese o importe asegurado e a súa vixencia, que deberá ser igual ou superior aos valores anuais indicados.

2. Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar, de ser requirida, un certificado expedido pola aseguradora no cal consten os importes e riscos asegurados e a data de vencemento do seguro, así como un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda, para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

b.2) Solvencia técnica ou profesional:

Reputarase solvente a entidade concertada que acredite, cando menos, un dos seguintes requisitos:

– Ter un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, que se prestasen a algunha Administración pública ou entidade privada (contabilizados ata a fin do prazo de presentación de proposicións), cuxos importes acumulados no ano de maior execución sexa igual ou superior ao 50 % do importe medio anual do custo do concerto social.

Nº lote ----- Concello -------- Importe medio anual (sen IVE)

1 ----------- Oleiros -------------- 1.568.766,11 €

2 ---------- Redondela -----------2.498.135,20 €

3 ---------- Vigo -------------------1.568.766,11 €

4 ---------- A Coruña -------------2.182.440,46 €

A súa acreditación efectuarase por medio dunha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador, na cal figuren os principais servizos e traballos realizados de natureza análoga ao obxecto deste concerto nos últimos tres anos computados ata a data da fin do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria, que inclúa importes, datas e destinatarios públicos ou privados.

Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar, de ser requirida:

Se o destinatario é unha entidade do sector público, copia da certificación de boa execución, expedida ou visada polo órgano competente. No caso de que o destinatario sexa a Xunta de Galicia, os servizos comprobaranse de oficio.

Se o destinatario é un suxeito privado, mediante unha copia da certificación de boa execución expedida por este ou, na falta de certificación, mediante unha declaración responsable da entidade en que declare ter realizado o traballo ou servizo á satisfacción daquel, xunto cos documentos que consten no seu poder, que acrediten a realización da prestación.

– Polo menos a persoa que exerza de director/a e outro membro do equipo técnico contan, respectivamente en postos de características asimilables, cunha experiencia mínima de dous anos, dentro dos últimos tres, nalgunha empresa ou entidade que, pola súa vez, prestase servizos para unha Administración pública ou entidade privada, sempre que tanto o servizo prestado como as tarefas desempeñadas polo persoal teñan natureza análoga ao obxecto do concerto.

c) Contar cunha experiencia mínima de atención á infancia e á adolescencia de dous (2) anos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

e) Estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se detallan na epígrafe K.3 desta resolución (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

g) Acreditación da titularidade do centro ou dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia do concerto, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde se encontra o centro e/ou se prestan os servizos.

h) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lles sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como servizo obxecto do concerto social.

Solicitudes

As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo II).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha relación de todos os documentos que se presentan.

b) Declaración responsable ou certificación que acredite que conta coa solvencia económica e financeira e técnica ou profesional segundo se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento.

c) Documentación que acredite que a entidade conta cunha experiencia mínima de dous (2) anos na atención á infancia e á adolescencia, no caso de optar por acreditala neste momento. No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. A entidade presentará, de ser o caso, unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

d) Relación do persoal adscrito ao servizo segundo o anexo V da resolución da convocatoria. O persoal poderase contratar ou asignar a este programa tras a adxudicación do concerto. Neste caso, indicarase neste momento «pendente de contratación». No caso de que se manteña o persoal subrogado, indicarase o número de orde que figure na táboa de subrogación que figura para cada lote no anexo VII.

e) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia (cláusula O) da resolución da convocatoria:

e.1) Proxecto de intervención educativa, diferenciado nas seguintes epígrafes:

– Proxecto educativo do centro.

– Itinerario de intervención educativa.

– Regulamento de organización, funcionamento e convivencia.

– Plan de formación continua do persoal.

e.2) Descrición das instalacións en que se levará a cabo o servizo. Para cada unha das instalacións ofertadas, achegaranse as informacións e os documentos seguintes:

– Situación xeográfica, coa súa localización en plano.

– Descrición clara das súas condicións físicas e arquitectónicas, que irá acompañada de planos de planta e fotografías, tanto do exterior como dos espazos interiores, e sinalará para cada un destes o número de metros cadrados útiles e os seus usos correspondentes.

– Descrición do equipamento e recursos materiais con que conta.

e.3) Documentación que acredite a posesión da Certificación galega de excelencia en igualdade, ou equivalente, do Certificado de empresa familiarmente responsable e/ou do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou documentos equivalentes.

e.4) Declaración responsable ou documentación que acredite a continuidade na atención prestada na localidade onde se presta o servizo en acollemento residencial. No caso de que os servizos se refiran a programas efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, a Comisión de Valoración comprobará de oficio os datos incluídos na declaración.

e.5) Documentación que acredite a experiencia da entidade no ámbito da protección á infancia e á adolescencia. En caso de que a experiencia da entidade se refira a programas efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, será suficiente cunha declaración responsable que comprobará de oficio a Comisión de Valoración.

f) Certificado de estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se mencionan na epígrafe K.3 desta resolución do concerto (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

g) Acreditación da titularidade do centro ou dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia do concerto, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde se encontra o centro e/ou se prestan os servizos.

h) Certificado de estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lles sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa empregada.

d) Inscrición no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

f) Comprobación de estar ao día coa Seguridade Social.

g) Comprobación de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Consulta da inexistencia de antecedentes penais do persoal que se designe para a prestación do servizo.

i) Consulta de inexistencia de antecedentes penais por delitos de natureza sexual do persoal que se designe para a prestación do servizo.

j) Títulos oficiais universitarios, de ser o caso, do persoal que se designe para o servizo, segundo o establecido no prego de prescricións técnicas.

k) Anos que a entidade, de ser o caso, leva desenvolvendo servizos relacionados coa protección á infancia e á adolescencia no concello a que se refira a oferta, cando fosen financiados pola Consellería de Política Social e Igualdade.

2. No caso de que a entidade interesada se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia (DOG nº 45 do 6 de marzo de 2000).

    • Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se modifica o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia (DOG nº 222 do 14 de novembro de 2003).

    • Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia (DOG nº 134 do 13 de xullo de 2011).

    • Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 12 de agosto de 2026 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, para a execución de programas de acollemento residencial e de atención de día integral en unidades de convivencia, dirixidos a nenos, nenas e adolescentes con medida de protección (144 prazas), no marco do Programa de inclusión social, garantía infantil e loita contra a pobreza, cofinanciado co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) (DOG nº 160 do 25 de agosto de 2026).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto do 24 de xullo de 1889 polo que se publica o Código Civil (BOE nº 206 do 25 de xullo de 1889).

    • Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de Axuizamento Civil (BOE nº 15 do 17 de xaneiro de 1996).

    • Lei Orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 175 do 23 de xullo de 2015).

    • Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 180 do 29 de xullo de 2015).

    • Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (BOE nº 134 do 5 de xuño de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano