Guía de procedementos e servizos

BS213V

Concerto social para a prestación do servizo de xestión dos puntos de encontro familiar de Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 11/04/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

A provisión do servizo de xestión dos puntos de encontro familiar de Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra.

– Os membros das familias en que exista algún tipo de problema relacionado co cumprimento do réxime de visitas, así como as persoas integrantes de familias en que existan situacións de violencia que supoñan un risco para calquera dos membros durante o cumprimento do réxime de visitas.

– Persoas que teñan un dereito de visita dunha ou dun menor con domicilio nas ditas localidades ou na súa contorna ou ben un dereito de visita que se deba desenvolver nos ditos puntos de encontro.

No desenvolvemento das súas funcións, os puntos de encontro familiar teñen como obxectivo principal favorecer o dereito dos e das menores a manter a relación con ambos proxenitores ou familiares, así como orientar e apoiar a familia para que consigan a autonomía necesaria no exercicio das súas funcións sen depender do servizo.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Servizo de Apoio á Familia, á Infancia e á Adolescencia

San Caetano, s/n

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995437

Email: familia@xunta.gal

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Prazo de presentación: PECHADO

11/04/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para poderen acollerse ao réxime de concerto social, as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar coa solvencia suficiente segundo os seguintes indicadores:

b.1) Solvencia económica e financeira.

Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite ter subscrito un seguro de responsabilidade civil por riscos profesionais ou un volume de negocios no ámbito das actividades correspondentes ao obxecto do concerto referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos dispoñibles, por un importe igual ou superior ao 50 % do importe medio anual do custo do lote do concerto social a que se opte (IVE excluído).

No caso de concorrer a varios lotes, deben acreditar o importe correspondente á suma dos lotes a que concorre.

A súa acreditación efectuarase por medio de:

1. Unha declaración responsable asinada polo representante legal da entidade en que se exprese o importe asegurado e a súa vixencia ou o volume de negocios referido ao ano de maior volume nos últimos tres dispoñibles, que debe ser igual ou superior aos valores indicados.

2. Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar, de ser requirida:

– Un certificado expedido pola aseguradora, en que consten os importes e riscos asegurados e a data de vencemento do seguro. Así como o documento de compromiso vinculante da subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso que sexa necesario, para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

– De ser o caso, copia das contas anuais aprobadas e depositadas no Rexistro Mercantil, se a entidade estivese inscrita no citado rexistro. En caso contrario, deben presentar as contas depositadas no rexistro oficial en que deba estar inscrito. Os empresarios individuais non inscritos no Rexistro Mercantil acreditarán o seu volume anual de negocios mediante copia dos seus libros de inventarios e contas anuais, legalizados polo Rexistro Mercantil.

b.2) Solvencia técnica e profesional:

Reputarase solvente a entidade concertante que acredite un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, realizados para algunha Administración pública ou entidade pública ou privada (contabilizados ata a data de fin de prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria), cuxos importes acumulados no ano de maior execución dentro dos tres últimos sexa igual ou superior ao 50 % do importe medio anual do custo do lote do concerto social a que se opte (IVE excluído).

No caso de concorrer a varios lotes, deben acreditar o importe correspondente á suma dos lotes a que concorre.

A súa acreditación efectuarase por medio de:

1. Unha declaración responsable asinada polo representante legal da entidade en que figuren os principais servizos e traballos realizados de natureza análoga ao obxecto deste concerto no últimos tres anos, computados ata a data de fin de prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria, que inclúa importes, datas e destinatarios públicos ou privados.

2. Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar, se se lle solicita:

– Se o destinatario é unha entidade do sector público, copia da certificación de boa execución expedida ou visada polo órgano competente.

– Se o destinatario é un suxeito privado, copia da certificación de boa execución expedida por este, ou, na falta de certificación, mediante unha declaración responsable da entidade declarando ter realizado o traballo ou servizo a satisfacción daquel, acompañado dos documentos que consten no seu poder, que acrediten a realización da prestación.

c) Contar cunha experiencia mínima de atención á familia, á infancia e á adolescencia de 2 anos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, impostas pola lexislación vixente.

e) Estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se detallan no punto K.3 desta resolución.

f) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

 Solicitudes.

As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da persoa solicitante da totalidade do contido da convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha relación de todos os documentos que se presentan.

b) Documentación que acredita que a entidade conta coa solvencia económica e financeira, técnica e profesional nos termos previstos na cláusula F) da convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento.

c) Documentación que acredita que a entidade conta cunha experiencia mínima de 2 anos na atención á familia, á infancia e á adolescencia, no caso de optar por acreditala neste momento. No caso de que a experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. A entidade presentará, de ser o caso, unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

d) Relación do persoal adscrito ao servizo segundo o anexo IV da resolución da convocatoria. O persoal poderase contratar ou asignar a este programa tras a adxudicación do concerto. Neste caso, indicarase neste momento «pendente de contratación». No caso de que se manteña o persoal subrogado, indicarase o número de orde que figura na táboa de subrogación que figura para cada lote no anexo VI.

e) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia (cláusula O) da resolución da convocatoria:

e.1) Proxecto de xestión e intervención no punto de encontro coa estrutura e contidos mínimos determinados no punto 1º da cláusula O.2.

e.2) Documentación que acredite a posesión da Marca galega de excelencia en igualdade, do Certificado de empresa familiarmente responsable e/ou do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado este último polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou documentos equivalentes.

e.3) Documentación que acredite a experiencia da entidade na prestación do servizo de punto de encontro familiar. No caso de que a experiencia da entidade se refira a servizos efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, será suficiente cunha declaración responsable que comprobará, de oficio, pola Comisión de Valoración.

f) Certificado de estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se mencionan no punto K.3 desta resolución do concerto.

g) Certificado de estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE do representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Inscrición no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) DNI/NIE do persoal adscrito ao servizo.

f) Consulta de inexistencia de antecedentes penais do persoal que se designe para a prestación do servizo.

g) Consulta de inexistencia de antecedentes penais por delitos de natureza sexual do persoal que se designe para a prestación do servizo.

h) Consulta de inexistencia de antecedentes penais por delitos de trata de seres humanos do persoal que se designe para a prestación do servizo.

i) Consulta de títulos universitarios oficiais do persoal que se designe para a prestación do servizo, segundo o establecido no prego técnico.

2. No caso de que a entidade interesada se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia (DOG nº 45 do 6 de marzo de 2000).

    • Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG nº 152 do 7 de agosto de 2007).

    • Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia (DOG nº 134 do 13 de xullo de 2011).

    • Decreto 96/2014, do 3 de xullo, polo que se regulan os puntos de encontro familiar en Galicia (DOG nº 145 do 1 de agosto de 2014).

    • Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 31 de marzo de 2025 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, para a prestación do servizo de xestión dos puntos de encontro familiar de Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra (DOG nº 70 do 10 de abril de 2025).

  • Ámbito Estatal
    • Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de Axuizamento Civil (BOE nº 15 do 17 de xaneiro de 1996).

    • Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (BOE nº 134 do 5 de xuño de 2021).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano