Guía de procedementos e servizos

AU301H

Concurso para o desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 02/04/2025 00:00 - 02/05/2025 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Establecer as bases reguladoras para a selección, mediante o sistema de concurso, de concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta e realizar a convocatoria correspondente ao ano 2025.

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Augas de Galicia

Dirección de Augas de Galicia

Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Praza Camilo Díaz Baliño, nº 7 e 9

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541632

Email: xuridico.augas@xunta.gal

Augas de Galicia

Prazo de presentación: PECHADO

02/04/2025 00:00 - 02/05/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Poderán participar no concurso todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

Para os efectos desta convocatoria considerarase o número de habitantes por concello recollido no Real decreto 1210/2024, do 28 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2024.

Non poderán participar no concurso os concellos que xa fosen seleccionados para participar no concurso convocado no ano 2024 ao abeiro da Resolución do 13 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección, mediante concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, na implantación e na posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, e se convoca para o ano 2024, salvo que, unha vez notificada a resolución de selección, renunciasen a esta no prazo establecido nas bases da convocatoria para a aceptación ou renuncia á selección.

2. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da Alcaldía da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

Para consultas relacionadas con este concurso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: xerencia.augas@xunta.gal

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que o concello acepta as condicións e os requisitos exixidos na resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o mesmo custo.

d) Que subministrará a información dispoñible e participar na compilación dos datos que puidesen resultar necesarios para a execución das actuacións.

e) Que colaborará con Augas de Galicia e coas restantes administracións no proceso de elaboración do diagnóstico dos sistemas de abastecemento en alta e no proceso de dixitalización das infraestruturas dos ditos sistemas, subministrará a información dispoñible, participará na compilación dos datos necesarios, habilitará os permisos de acceso necesarios e outorgará ou tramitará os permisos e autorizacións necesarias.

f) Que prestará a súa conformidade coas actuacións que se vaian executar referidas no artigo 3.1 da Resolución desta convocatoria de concurso, con carácter previo á súa execución.

O órgano competente da entidade local deberá aprobar a conformidade coas actuacións que Augas de Galicia prevé executar, no marco do contrato de servizo «Apoio á dixitalización en sistemas de xestión do ciclo integral da auga en entidades locais de menos de 20.000 habitantes de Galicia. Desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta», de clave OH.288.451, con carácter previo á súa execución.

g) Que, para as actuacións que se executen no interior de instalacións de titularidade municipal, habilitará os permisos de acceso necesarios para posibilitar a súa completa execución.

h) Que, para as actuacións que se executen intervindo directamente sobre infraestruturas existentes e de titularidade municipal, outorgará os permisos ou autorizacións que resulten necesarios para posibilitar a súa completa execución.

i) De ser o caso, que garantirá, antes de iniciar a execución das actuacións, a efectiva posta á disposición de Augas de Galicia dos terreos necesarios, libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado para a execución das actuacións, así como a reposición de servizos e servidumes.

j) Que, en colaboración con Augas de Galicia, asumirá a realización das xestións pertinentes, ante os organismos que correspondan, para a obtención dos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias, asumindo os gastos que se xeren, sen liquidar ningún tributo ou taxa municipal.

k) Que utilizará as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista para elas, comprometéndose coa súa explotación, conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.

l) Que utilizará e manterá en funcionamento o centro de xestión de datos locais que sexa posto á súa disposición por Augas de Galicia, comprometéndose coa súa conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.

m) Que compartirá con Augas de Galicia a información relativa ao funcionamento dos sistemas de abastecemento en alta sobre os que se actúe, mediante a comunicación entre o centro de xestión de datos locais e a plataforma de xestión de datos autonómica.

n) Que asumirá o custo de instalación dun sistema de alimentación ininterrompida (SAI) nun mínimo de dúas das infraestruturas conectadas á rede eléctrica, sexan estas captacións, ETAP ou depósitos de xeito que se permita o respaldo temporal da alimentación eléctrica en caso de fallo na subministración e, ao mesmo tempo, estabilizará e corrixirá as irregularidades na subministración eléctrica (alteracións na tensión, etc.), achegando unha protección eléctrica adicional ao sistema.

o) Que colaborará con Augas de Galicia, no ámbito das súas facultades, no desempeño das súas obrigas e afrontará e intentará resolver, conforme os principios de boa fe e lealdade, calquera dificultade ou problema que poida xurdir no desenvolvemento da actuación, tendo como único criterio da súa xestión, o logro dos obxectivos que se pretenden acadar con ela.

Documentación complementaria.

1. Os concellos interesados deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Unha memoria técnica asinada por un técnico competente que identifique as necesidades de dixitalización do abastecemento en alta e o grao de compromiso coa dixitalización.

Este documento deberá ter o seguinte contido mínimo:

1º. Descrición e características dos principais elementos que forman parte do sistema de abastecemento en alta municipal, indicando polo menos:

Descrición de cada un dos elementos e das súas principais características. Recoméndase enumerar e diferenciar con claridade as distintas infraestruturas que compoñen o sistema: captacións, bombeos, depósitos, ou ETAP, entre outras.

Información gráfica de cada un dos elementos, achegando fotografías e planos da súa localización.

Información gráfica sobre os accesos existentes a cada un dos elementos. En caso de que algúns elementos teñan dificultades ou limitacións de acceso, indicarase esta circunstancia.

Recoméndase incluír neste punto cantos esquemas, planos e/ou representacións gráficas semellantes se consideren necesarios para comprender adecuadamente o sistema de abastecemento en alta.

2º. Descrición e características do equipamento e instrumentación existente nos principais elementos que forman parte do abastecemento en alta municipal, indicando polo menos:

Descrición dos equipos, marca e modelo.

Principais características, especificacións e fichas técnicas.

Información sobre a antigüidade e o estado de conservación de cada un dos equipos.

Ademais, de entre os equipos e instrumentos existentes, sinalaranse aqueles que poderían equiparse e/ou mellorarse instalando neles ferramentas ou dispositivos de dixitalización, e indicaranse que posibilidades de dixitalización existirían e en que consistirían.

3º. Información sobre as fontes de enerxía dispoñibles en cada un dos elementos que forman parte do abastecemento en alta, indicando polo menos:

Información sobre as fontes de enerxía dispoñibles en cada un dos elementos que forman parte do abastecemento en alta, indicando con planos a localización das redes eléctricas existentes, os puntos de subministración e a localización dos cadros eléctricos, e acehgarase canta información se considere precisa, incluída información gráfica.

Características dos cadros eléctricos, dos consumos eléctricos existentes e das potencias eléctricas contratadas.

Análise técnica das posibilidades de optar por instalacións fotovoltaicas ou outras fontes de enerxía, naqueles casos onde non exista subministración eléctrica.

4º. Detalle das necesidades de dixitalización, indicando os elementos do abastecemento en alta para os cales se solicita que Augas de Galicia execute actuacións e os beneficios esperados desa instalación.

Poboación beneficiaria.

Carencias detectadas ata o momento.

Elementos do abastecemento en alta para os cales se solicita que Augas de Galicia execute actuacións. Recoméndase enumerar e identificar con claridade os diferentes elementos (captacións, bombeos, depósitos, ETAP...).

Beneficios esperados coa execución das actuacións, indicando a poboación que se beneficiaría da actuación.

Deberase sinalar se existen problemáticas concretas, tales como zonas con falta de subministración eléctrica, elementos de difícil acceso, etc.

5º. Detalle das intervencións acometidas polo concello no ámbito da dixitalización, en xeral e no abastecemento en particular, nos últimos 5 anos, indicando polo menos:

Descrición das intervencións: elementos sobre os que se actuou, en que consistiron as actuacións, etc.

Orzamento das actuacións e contía dos investimentos realizados.

Resultados obtidos e beneficios observados unha vez executadas as actuacións.

Estes contidos mínimos da memoria técnica poden ser ampliados e completados con canta información se considere relevante, para unha mellor comprensión dos sistemas de abastecemento en alta e das necesidades de dixitalización do concello.

b) Fichas de caracterización das instalacións asinadas electronicamente coa descrición de captacións, depósitos e ETAP que se achegan como anexo II desta resolución.

Para o suposto de ter varias captacións, depósitos ou ETAP deberanse achegar a este formulario tantas fichas como instalacións existan.

c) O plan municipal de emerxencia fronte á seca aprobado, ou no seu defecto, redactado nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.

d) A auditoría para a cuantificación de perdas aprobada, ou no seu defecto, redactada nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.

e) O plan de actuacións para a redución das perdas aprobado, ou no seu defecto, redactado, nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.

f) O plan director de abastecemento municipal aprobado, ou no seu defecto, redactado, nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.

A aprobación da documentación a que se refiren as letras c), d), e) e f) acreditarase coa presentación dun certificado da persoa titular da secretaría do concello na que se indique o órgano competente da entidade local que aproba o documento e a data da dita aprobación.

Tendo en conta que se trata dun procedemento de concorrencia competitiva e para non afectar a concorrencia en condicións de igualdade, non poderá ser obxecto de requirimento de emenda a falta de presentación da documentación indicada neste artigo no último día de presentación de solicitudes. A falta de presentación da documentación indicada suporá ben a inadmisión da solicitude por non ter o contido mínimo que permita a súa valoración, ben a tramitación da solicitude sen que se teñan en consideración os documentos non presentados para outorgar os puntos correspondentes de acordo cos criterios previstos no artigo 14 desta resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se debe seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección, mediante concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, e se convoca para o ano 2025 (DOG nº 63 do 1 de abril de 2025).

Outros procedementos relacionados

AU230W

Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231A

Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231B

Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU300D

Subvencións para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 23/04/2025 09:00 - 23/05/2025 14:00