Guía de procedementos e servizos

AU300C

Subvencións destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 06/03/2025 09:00 - 07/04/2025 14:00

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, e convocar estas subvencións para o ano 2025.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dunha vivenda unifamiliar situado no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Augas de Galicia

Dirección de Augas de Galicia

Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Praza Camilo Díaz Baliño, nº 7 e 9

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541632

Email: augasdegalicia@xunta.gal

Augas de Galicia

Prazo de presentación: PECHADO

06/03/2025 09:00 - 07/04/2025 14:00

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 6 de marzo de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 7 de abril de 2025.

1. Para poder obter a condición de beneficiario, todos os solicitantes deberán:

a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. Ningún solicitante poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, o solicitante declara o seguinte:

a) Que acepta as condicións e os demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro da resolución de convocatoria, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que é propietario, ou copropietario autorizado polo resto de copropietarios para realizar as actuacións obxecto da subvención, da parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo, coa referencia catastral que se indica.

g) Que a vertedura obxecto da solicitude non está obrigado a conectarse á rede de saneamento municipal en cumprimento do disposto na ordenanza municipal ou, subsidiariamente, no Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.

h) Que é titular dunha autorización de vertedura de Augas de Galicia ou, no seu defecto, que a solicitará antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

i) Que realizou ou vai realizar a comunicación previa ou, de ser necesaria, que vai solicitar a licenza municipal antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

j) Que solicitou ou, no seu defecto, que vai solicitar todos os informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais que sexan precisos antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

k) Que as actuacións para as que se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban finalizadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas subvencións.

l) O carácter repercutible ou non do imposto sobre o valor engadido por parte do beneficiario, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

m) Que as augas residuais proveñen dunha vivenda unifamiliar.

n) Que a vertedura se producirá por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación soterrado.

o) Que o sistema de saneamento autónomo non se instalará a menos de vinte metros dunha captación subterránea.

Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar desde Augas de Galicia e que poden comprender a solicitude da documentación que se considere necesaria para a tramitación do procedemento.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de actuar por medio de representante, acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa solicitante.

b) No caso de copropiedades, autorización de todos os copropietarios da parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo para solicitar a subvención e comprometerse en nome e representación da copropiedade.

c) Aqueles solicitantes que non teñan ao seu nome na base de datos do catastro a parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo deberán presentar a documentación acreditativa da titularidade daquela: escritura de propiedade, nota simple informativa do rexistro da propiedade; testamento; ou calquera outro título válido en dereito.

c) Orzamento detallado da subministración do sistema de saneamento autónomo. Os conceptos incluídos no orzamento deberán contar co detalle suficiente para que Augas de Galicia poida comprobar a natureza dos gastos e se estes son subvencionables segundo o regulado na convocatoria.

d) Fichas, certificados e demais documentación técnica do sistema de saneamento autónomo que se pretende instalar, coa información necesaria para verificar o cumprimento dos requisitos recollidos nesta convocatoria para as actuacións subvencionables.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se vai seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Certificado de titularidade catastral.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistro establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 13 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 39 do 26 de febreiro de 2025).

    • Extracto da Resolución do 13 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 39 do 26 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU113C

Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU208A

Concesión de augas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano