Novidade | 02/04/2020 | 13:14

Amplíase o período de validez de Chave365 durante a vixencia do estado de alarma

Por Resolución do 30 de marzo de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia o 2 de abril, acordouse a aplicación a Chave365 dunha serie de medidas derivadas da declaración do estado de alarma.

Chave365 é o mecanismo de claves concertadas que a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia emprega como alternativo aos certificados electrónicos para a identificación e sinatura das persoas interesadas.

O protocolo que regulou o seu uso establece que a validez temporal de Chave365 é dun máximo de catro anos pero que a modificación por parte da persoa interesada da clave ou contrasinal que utiliza para acceder deberá realizarse, polo menos, con periodicidade anual. Sinala tamén que no suposto de bloqueo da clave o/a cidadán/á poderá rexenerala presencialmente nas Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro ou de forma telemática a través da sede electrónica e co uso dun certificado electrónico.

No contexto actual, o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, estableceu que durante a vixencia do estado de alarma ocasionada polo COVID-19 a cidadanía está suxeita a medidas de limitación da liberdade de circulación, o que dificulta ou impide a realización de trámites de forma presencial. Asemade, o acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia do COVID-19, prevé a suspensión de prazos de prescrición e caducidade durante o estado de alarma en Galicia.

Tendo en conta estas circunstancias, a Xunta de Galicia adoptou as seguintes medidas:

  • Suspender a caducidade das contas de usuario e das claves de acceso ao sistema Chave365. Amplíase automaticamente o período de validez do mecanismo de claves concertadas para aquelas persoas ás que este período lles remate durante a vixencia do estado de alarma e polo tempo de duración deste.
  • Garantir o acceso aos servizos electrónicos do sector público autonómico. As persoas ás cales corresponda realizar a modificación da súa clave de acceso durante a vixencia do estado de alarma poderán seguir utilizando o sistema aínda que non realicen a modificación da clave durante o devandito período.
  • Habilitación de mecanismos non presenciais de rexeneración da clave de acceso. No caso de ser necesario, durante a vixencia do estado de alarma, pode realizarse a través do asistente en liña de eServizos (de forma preferente) ou do 012.
Novidade