Novidade | 11/03/2019 | 11:50

A sede permite que outras persoas consulten expedientes e xestionen borradores no seu nome desde o 11 de marzo

Desde o 11 de marzo esta sede electrónica incorpora novas funcionalidades dentro do seu espazo persoal. A creación de autorizacións e a posibilidade de compartir borradores son as novidades máis importantes.

Autorizacións
Esta nova sección permite a creación e xestión de autorizacións para que outras persoas poidan consultar os seus expedientes e preparar borradores no seu nome.

Grazas a esta nova opción, vostede pode outorgar a terceiras persoas autorizacións para todos os procedementos da sede ou só para aquel/es procedemento/s que seleccione.

Con esta nova funcionalidade aquela/s persoa/s á/s que vostede lle outorgue previamente a autorización terán a posibilidade de elixir se queren actuar en nome propio ou como persoa autorizada por vostede.

En calquera caso, vostede terá que asinar e presentar posteriormente o/s borrador/es, xa que a autorización non permite que outra persoa asine no seu nome.

 

Borradores compartidos
Naqueles procedementos que o permitan, a sede facilita que se poida compartir un borrador con outra persoa. Para isto, abondará con engadir o NIF da persoa coa que vostede desexe compartir un borrador. Cando esta persoa acceda á lista dos seus borradores verá sinalados de forma diferente os que lle son propios e aqueles outros que vostede compartiu con ela.

As persoas interesadas poderán elixir desde "Os meus datos” que outras persoas lle poderán compartir, ou non , os borradores.

 

Opinión das persoas interesadas
Outra das novidades que presenta esta nova versión da sede é a de permitir que, ao finalizar o proceso de presentación, unha persoa interesada poida valorar o proceso mediante unha enquisa voluntaria.

O obxectivo destas enquisas é recoller información de interese para mellorar o funcionamento desta sede.

Novidade