Política de sinatura

A Resolución do 25 de febreiro de 2014 pola que se aproba a política de sinatura electrónica e de certificados da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia adoptou como política de sinatura electrónica e de certificados da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia a política de sinatura electrónica e de certificados da Administración xeral do Estado (OID 2.16.724.1.3.1.1.2.1.9).

Con carácter xeral, unha política de sinatura electrónica é un documento legal que contén unha serie de normas relativas á sinatura electrónica, organizadas ao redor dos conceptos de xeración e validación de sinatura, nun contexto particular (contractual, xurídico, legal), e define as regras e obrigas de todos os actores involucrados no proceso. O obxectivo é determinar a validez da sinatura electrónica para unha transacción en particular, especificando a información que debe incluír a persoa asinante no proceso de xeración da sinatura e a información que se debe comprobar no proceso da súa validación.

A Xunta de Galicia, examinada a política de sinatura electrónica e de certificados da Administración xeral do Estado, considera que é coherente co ordenamento autonómico e plenamente asumible nos seus aspectos técnicos, polo que, coa súa adopción, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia pretende dar un paso claro para favorecer a interoperabilidade entre administracións públicas, o que redundará dun xeito inmediato na simplificación de trámites para os cidadáns.